O CONCELLO REDACTA E APROBA O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DO COMPLEXO DEPORTIVO DE CATOIRA EN OESTE.

O alcalde xestionou ante a Deputación a financiación do mesmo, que ascende a 401.374,56 €

Proponse un edificio lixeiro que se configura fundamentalmente mediante unha cuberta. Baixo ela alóxanse unha pista de tenis e dúas de pádel. Para a cuberta exponse unha estrutura metálica de grandes luces que contribúa ao carácter de lixeireza e provisionalidade da edificación resolta mediante un conxunto de cerchas e correas lixeiras con lucernarios en forma de dente de serra.

Ademais das pistas deportivas, proxéctase un bloque de planta baixa, contiguo á fachada suroeste da cuberta, destinado a vestiarios e outros servizos (almacéns e instalacións), construído por unha envolvente contigua de formigón armado visto.

Baixo esta cáscara constrúese o edificio de vestiarios.

O CONCELLO DE CATOIRA PRESENTA A PROGRAMACIÓN DA ROMARÍA VIKINGA 2023

Este venres, 21 de abril, o alcalde, Alberto García, presentou no Museo de Estrella Galicia (A Coruña) a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto. O alcalde estivo acompañado de Loreto Rodríguez, responsable de medios ganados de Estrella Galicia, entidade patrocinadora da Romaría; Nuria Bouzas Loureiro, autora do cartel desta edición; e Fátima I. Rey, directora da Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira.

A presentación estivo precedida dunha breve dramatización a cargo dunha ducia de actrices e actores da Escola de teatro, que serviu como aperitivo do que chegará en agosto.

Unha das novidades que se inclúen este ano é a conversión da Cea Vikinga nun xantar. Despois da interrupción desta actividade durante a pandemia, o sábado 5 de agosto retómase este demandado evento, pero coa novidade de que este ano se converterá nun “Xantar vikingo”, para non solaparse con outras actividades, especialmente a programación nocturna do festival Vikinsons. Precisamente, o cartel do festival musical é outro dos pratos fortes desta edición, que contará coas actuacións de Celtas Cortos, Dakidarría, Luar na Lubre e o exitoso grupo de música nórdica Skáld, entre outros.

PROGRAMA 63 ROMARÍA VIKINGA

MARTES 1, MÉRCORES 2 E XOVES 3 DE AGOSTO / 22:15 h / Recinto das Torres de Oeste

Teatro: “Un neno vikingo”, baseada na obra de Kristina Berg


XOVES, 3 DE AGOSTO / 21:00 h / Recinto das Torres de Oeste

Concerto: Clara Pino & Pablo Vidal


VENRES 4 DE AGOSTO:

Pasarrúas de Upsala Medieval desde a Alameda do Concello ata a Praia Fluvial

Vikinsons / 22:00 h / Alameda da Praia Fluvial de Catoira. Concertos de:


SABADO 5 DE AGOSTO:

Xantar Vikingo / 14:30 h / Recinto das Torres de Oeste

Mercado medieval

Desfile infantil de vestiario viquingo

Actuacións de Upsala Medieval

19:30 h – Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona

Pasarrúas de Upsala Medieval desde o Recinto das Torres de Oeste ata a Praia Fluvial.

Vikinsons / 21:00 h / Alameda da Praia Fluvial de Catoira. Concertos de:

  • Bloody Sunrise


DOMINGO 6 DE AGOSTO

Desembarco Vikingo / Recinto das Torres de Oeste

10,00 h Pasarrúas de grupos folclóricos desde a Alameda do Concello ata o recinto das Torres de Oeste.

11,00 h Mexillonada e viño tinto do Ulla e mercado medieval no recinto das Torres de Oeste

12,00 h Actuacións de Troula e Upsala Medieval nas Torres de Oeste

12,30 h Dramatización do desembarco vikingo nas Torres de Oeste

13,45 h Actuacións de Troula e Upsala Medieval nas Torres de Oeste

14,00 h Xantar campestre

 

CLARA PINO E XAVIER MAGALHÃES PRESENTARON EN CATOIRA O LIBRO “FENÓMENO FAN”

O alcalde de Catoira, Alberto García, acompañou a Clara Pino e Xavier Magalhães no acto de presentación do libro “Fenómeno fan”, celebrado o pasado venres nunha concurrida sala Celso Emilio Ferreiro do edificio multiusos de Catoira. Tamén os acompañou o editor, Xabier Romero.

García destacou a traxectoria de colaboración que Magalhães mantén co Concello de Catoira desde hai anos e tamén a satisfacción por que Clara Pino, natural de Vigo, decidise formar parte da veciñanza de Catoira.

Os autores explicaron os antecedentes da relación de amizade e artística que os une, especialmente desde esta colaboración xurdida durante a pandemia, unha obra na que se fusionan á perfección os seus universos literario e pictórico.

Clara Pino, que ten na música a súa outra paixón, emocionou ao público coa interpretación de varios temas coa arpa.

En “Fenómeno fan”, a partir do fío condutor tan globalista e alienante que supón o suceso “fan” en moitas expresións artísticas, autora e autor extrapolan e fían outras temáticas imprescindibles na nosa sociedade actual.

A PRÓXIMA SEMANA PORANSE Á VENDA AS ENTRADAS PARA O XANTAR VIKINGO

O alcalde de Catoira, Alberto García, presentará o vindeiro venres 21 de abril a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto.

Unha das novidades que se inclúen este ano é a conversión da Cea Vikinga nun xantar. Despois da interrupción desta actividade durante a pandemia, o sábado 5 de agosto retómase este demandado evento, pero coa novidade de que este ano se converterá nun “Xantar vikingo”, para non solaparse con outras actividades, especialmente a programación nocturna do festival Vikinsons.

O menú do xantar, que terá lugar a partir das 14:30 horas nunha carpa situada no recinto das Torres de Oeste, consistirá en empanadas de atún e carne, lagostinos, mexillóns, polbo, churrasco con patacas fritidas, rosca, café, licores galegos, viño do Ulla (branco e tinto), auga, refrescos ou cervexa.

Coma sempre, será requisito imprescindible asistir caracterizado con vestiario viquingo.

As persoas interesadas en asistir poderán adquirir as entradas a partir das 10:00 horas do venres 21 de abril, unicamente a través da plataforma ataquilla.com, a un prezo de 25 euros, máis gastos de xestión. Na biblioteca municipal de Catoira ofrecerase asesoramento para a compra de entradas a aquelas persoas que o precisen. O límite de aforo é de 1500 persoas.

O SECTOR FERROVIARIO  DE CCOO REÚNESE CO ALCALDE  DE CATOIRA

O sector ferroviario de CCOO presentou ao Concello de Catoira diversas iniciativas que se propoñen impulsar a creación dunha rede de proximidade provincial sobre a actual infraestrutura e optimizar a dispoñibilidade da rede ferroviaria existente.

A intención do plan de transporte de proximidade, acordado cos municipios provinciais próximos á rede ferroviaria, é xestionar trens económicos e frecuentes que respondan as necesidades de conexión da poboación co Eixo Atlántico e coordínense coa Alta Velocidade e as relacións ferroviarias portuguesas. Entre estas liñas de actuación, para favorecer os servizos ferroviarios de proximidade, destacaron os sindicalistas “idea piloto” para crear un servizo de proximidade transfronteirizo co veciño Portugal.

Organizar o servizo de trens, previo ao escenario de pandemia, implica dispoñer de horarios que cubran as necesidades dos desprazamentos diarios entre núcleos de poboación próximos e ampliar o número de paradas comerciais en Catoira, para facer da estación de tren, pola súa especial situación xeográfica, un nodo de intermodalidad que conecte e ofreza servizos á área territorial da Comarca de Barbanza.

Xestionar a coordinación de ligazóns na estación de Catoira, para asegurar a continuidade do transporte de viaxeiros, require contar co recurso de intermodalidad, é dicir, o emprego de diferentes medios de transporte que resultan necesarios para favorecer os desprazamentos en trens de proximidade, media e longa distancia dos municipios de Boiro, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira e do propio municipio de Catoira, sinalou Antón Conde, Secretario Xeral do sector na provincia.

Solicitouse do rexedor que traslade ao Pleno unha moción que reclame unha rede de proximidade para a provincia que teña como punto de arranque a conexión transfronteiriza co veciño Portugal.

REUNIÓN CCOO CATOIRA GALEGO

O ALCALDE DE CATOIRA RECIBE A VISITA DO ALUMANDO FRANCÉS QUE VISITA CATOIRA NUN INTERCAMBIO A TRAVÉS DO PROGRAMA ERASMUS+

Durante esta semana alumnado de 3º da ESO do centro educativo Collège Louis Anquetin de Ètrèpagny (Francia) visita Catoira, ao abeiro do proxecto Erasmus + EU INTERCULTURAL PATHS.

O alcalde, Alberto García, recibiunos esta mañá no salón de plenos do Concello. Esta tarde realizarán unha visita ás Torres de Oeste, acompañados do profesorado implicado no proxecto e mailo alumnado de Catoira que tamén participou no intercambio a Francia realizado o pasado mes de febreiro.

O proxecto Erasmus + está coordinado polo CPI Progreso de Catoira e ten como obxectivo principal o coñecemento, respecto e difusión do Patrimonio Cultural dos diferentes socios do proxecto, nos que se inclúe tamén un centro educativo de Turquía. Este proxecto ERASMUS, que ten unha duración de 24 meses, iniciouse no mes de novembro de 2021 e rematará en novembro do 2023.

A CATOIRENSE NURIA BOUZAS ULTIMA O DESEÑO DO CARTEL DA PRÓXIMA ROMARÍA VIKINGA

goberno local de Catoira presentará este mes de abril a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto.

O alcalde, Alberto García, reuniuse esta mañá con Nuria Bouzas, veciña de Catoira, a quen se lle encargou o traballo de deseño do cartel desta edición. A finais deste mes farase público o cartel e a programación, que inclúe importantes novidades, nun acto que se celebrará no Museo de Estrella Galicia (MEGA), na Coruña.

Nuria Bouzas é graduada e doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e posúe tamén dous másters en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e en Profesorado. O pasado mes de xaneiro recibiu o premio Sofía Novoa, que outorga a Deputación de Pontevedra, polo seu traballo de fin de máster centrado no uso da novela gráfica e as artes plásticas en Secundaria como medio para introducir temas transversais como a educación en igualdade.

O CONCELLO DE CATOIRA EDITA O LIBRO “LA HUELLA ROMANA EN CATOIRA”

O Concello de Catoira vén de editar a publicación “La huella romana en Catoira”, froito do traballo conxunto dos historiadores e arqueólogos Diego Piay Augusto e Juan L. Naveiro López.

Esta obra, que analiza a pegada romana en Catoira, partindo do estudo dos textos dos autores clásicos e dos materiais arqueolóxicos que se documentaron ata a actualidade, súmase a unha serie de iniciativas impulsadas polo goberno que dirixe Alberto García para fomentar o patrimonio cultural do municipio. Ás intervencións arqueolóxicas e publicacións editadas ata o de agora, engádese a apertura no ano 2021 do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) e dúas novas prospeccións no recinto das Torres e no xacemento de A Capela.

Piay e Naveiro afondan neste libro na investigación dos restos vencellados a Catoira, analizando o seu contexto de procedencia común: ánforas, lucernas e recipientes cerámicos que hoxe forman parte de coleccións privadas e museos de distintos puntos de Galicia.  O estudo destes materiais reflicte a importancia que o río Ulla tivo durante a Antigüidade como vía de transporte de mercadorías.

“La huella romana en Catoira” é xa un obra de referencia obrigada para estudar o pasado de Catoira e do noroeste hispánico na Idade Antiga. A publicación será editada tamén en galego e inglés e xa está dispoñible a versión en castelán nas principais librarías de Galicia e España.

Diego Piay, profesor de Historia Antigua na Universidad de Oviedo, leva máis de vinte anos estudando esta etapa histórica a través do seu traballo como arqueólogo en numerosos xacementos e da análise documental. Juan Naveiro conta tamén cunha dilatada experiencia como arqueólogo e docente, especializado en aspectos económicos do mundo romano provincial. En Catoira dirixiu a intervención arqueolóxica de 1989 nas Torres de Oeste, froito da cal publicou en 2004 o libro “Torres de Oeste. Monumento histórico e xacemento arqueolóxico”, editado tamén polo Concello de Catoira.

PROGRAMA DEPOTERMAL DE PERNOCTACIÓN EN SPA, BALNEARIO OU TALASO.

BANDO

DON ALBERTO GARCÍA GARCÍA, ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CATOIRA (PONTEVEDRA)

INFORMA:

PROGRAMA DEPOTERMAL DE PERNOCTACIÓN EN SPA, BALNEARIO OU TALASO.

Organizado pola Deputación Provincial xunto co Concello de Catoira

CONTIDO: O Programa ofrece unha estancia de seis días e cinco noites (de domingo a venres) nun hotel con spa, balneario ou outro tipo de instalación similares, na provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa, incluídos os traslados en autocar desde o Concello ata os establecementos e viceversa.

BENEFICIARIOS/AS:
– Persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 1973.
– Pensionistas da seguridade social.
– Persoas que precisen de respiro familiar, mediante informe da
traballadora social.
– Persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

PRAZO DE SOLICITUDE: Ata o 8 de maio de 2023.

PREZOS: Os prezos a aboar determinaranse en función da renda persoal de forma individual e mensual da persoa solicitante.

INSCRICIÓN: No departamento de servizos sociais do Concello.

Depotermal pernoctacion 2023

PROGRAMA DEPOTERMAL DE ASISTENCIA DIARIA

BANDO
DON ALBERTO GARCÍA GARCÍA, ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CATOIRA (PONTEVEDRA)
INFORMA:
PROGRAMA DEPOTERMAL DE ASISTENCIA DIARIA
Organizado pola Deputación Provincial xunto co Concello de Catoira
CONTIDO: A metodoloxía do programa consiste en pasar cinco días consecutivos,en quendas de mañá ou tarde, de luns a venres, nun establecemento hostaleiro (balneario, spa, talaso…) da provincia, facilitando o transporte desde os concellos ata o establecemento e viceversa.
BENEFICIARIOS/AS:
  • Persoas nadas antes do 1 de xaneiro 1973.
  • Pensionistas da seguridade social.
  • Persoas que precisen de respiro familiar, mediante informe da traballadora social.
  • Persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
PRAZO DE SOLICITUDE: Ata o 8 de maio de 2023.
PREZO: Os prezos determinaranse en función da renda persoal de forma individual e mensual.
INSCRICIÓN: No departamento de Servizos Sociais do Concello.
Top