O Instituto de Ciencias do Patriomonio – Incipit (CSIC) continúa cos traballos arqueolóxicos no recinto das Torres de Oeste. Estes días están a realizar unha prospección xeofísica no xacemento empregando un xeorradar (GPR), unha técnica que permite obter mapas do subsolo, podendo detectar muros e outras estruturas soterradas. A prospección está dirixida por Carlos Otero, técnico de investigación do Incipit, e executada por Jesús García, especialista do Instituto de arqueoloxía de Mérida (CSIC).
Os traballos nas Torres comezaron na primavera de 2023, coa realización dunha primeira prospección xeofisica, entón de tipo magnético. Tamén se empregaron drons para realizar unha topografía de alta precisión do xacemento, así como detección remota mediante imaxe térmica e multiespectral.
A intervención está financiada pola Deputación de Pontevedra como parte do convenio asinado co Incipit para a investigación arqueolóxica en xacementos da provincia. O proxecto presentado polo concello de Catoira foi un dos 8 proxectos elixidos dentro dos presentados. Os traballos céntranse no uso de metodoloxías de mínima invasión, capaces de proporcionar información sobre distintos tipos de elementos arqueolóxicos ou de interese paleoambiental sen producir un grande impacto sobre eles.
Agárdase que os estudos sexan útiles para saber máis do que agocha o subsolo das torres, e que sirvan para orientar outros traballos no futuro.