O goberno local de Catoira presentará este mes de abril a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto.
O alcalde, Alberto García, reuniuse esta mañá con Nuria Bouzas, veciña de Catoira, a quen se lle encargou o traballo de deseño do cartel desta edición. A finais deste mes farase público o cartel e a programación, que inclúe importantes novidades, nun acto que se celebrará no Museo de Estrella Galicia (MEGA), na Coruña.
Nuria Bouzas é graduada e doutorada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, e posúe tamén dous másters en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e en Profesorado. O pasado mes de xaneiro recibiu o premio Sofía Novoa, que outorga a Deputación de Pontevedra, polo seu traballo de fin de máster centrado no uso da novela gráfica e as artes plásticas en Secundaria como medio para introducir temas transversais como a educación en igualdade.