PROCESIÓN DE CAVEIRAS

O Concello, en colaboración co Colexio “Progreso” e asociacións de Catoira, leva varios anos organizando a “Procesión de caveiras”. Celébrase a noitiña do 31 de outubro, na véspera do día de Tódolos Santos. Nesta festa de apertura da estación sombría participan centos de persoas que percorren a escuras as rúas de Catoira, iluminadas só polas candeas dos cabazos convertidos en medorentas caveiras. Ó finalizar celébrase un magosto e ofrécense tamén produtos gastronómicos elaborados con cabazo.

ROMARÍA DE SAN CIBRÁN

O domingo de Pentecostés (o sétimo despois de Pascua) celébrase unha romaría en honra a San Cibrán, avogado da reuma. É unha conmemoración relixioso-profana na capela do mesmo nome situada na carballeira de San Cibrán, un espazo de grande beleza e valor paisaxístico. A música tradicional galega está presente nesta romaría, na que se reúnen familias, veciños e amigos nunha comida campestre neste fermoso entorno.

FESTA GASTRONÓMICA DE SAN ANTONIO

Celébrase o sábado da segunda fin de semana de xullo, véspera da festa local de San Antonio de Padua, na área recreativa Fonte Gaiteira. Trátase dun evento organizado pola Asociación Cultural San Antonio de Padua, no que se degustan produtos da terra. Interveñen bandas de música, grupos orquestrais, gaiteiros, ademais de instalarse atraccións e postos de venda.

FESTAS PARROQUIAIS

San Antonio de Padua: segunda fin de semana de xullo en Catoira.
San Miguel de Catoira: 29 de setembro, patrón da parroquia de Catoira.
Santa Baia de Oeste: segunda fin de semana de agosto, na parroquia de Oeste.
San Pedro de Dimo: 29 de xuño, na parroquia de Dimo.
San Mamede: a primeiros de agosto ou finais de xullo, na parroquia de Abalo.

Top

Edificio Multiusos Rúa do Concello, 1 36612, Catoira (Pontevedra)

Tf. 986 54 60 14

concello.catoira@eidolocal.es