Mapa de Catoira
As torres de oeste
As Torres de Oeste
O monarca Alfonso III, O Magno, mandou levantar os dous edificios máis importantes do século IX en Galicia. Un deles era relixioso, a Basílica do Apóstolo, en Compostela, e o outro era unha obra civil: a reconstrución do Castellum Honesti, en Catoira. O vello enclave romano converteuse nun dos principais castelos do Reino Asturiano, e de toda a Europa altomedieval. O monarca armou o lugar con murallas e torres de grande altura, dúas delas aínda se conservan, e son o máis destacado do vello castelo. Estas dúas torres que quedan en pé, preto da ribeira, pertencen a esta etapa prerrománica. Tamén de época asturiana é o crismón coa Cruz da Victoria, emblema de Alfonso III, atopado nas ruínas de Oeste e conservado no Museo de Pontevedra. Posteriormente, o rei Alfonso V de León, vencedor dos normandos de Olaf Haraldsson, seguiu robustecendo, no século XI, a fortaleza de Castellum Honesti. En 1204, a monarquía doou as Torres á Mitra Compostelana e, a partir de entón, os bispos Cresconio e Diego Peláez seguiron fortificando a cidadela, fundamental para a defensa de Santiago. Catoira e as Torres serán testemuñas, posiblemente, do nacemento do primeiro arcebispo de Compostela: Diego Xelmírez. O pai deste, o cabaleiro Xelmirio, foi o alcaide do castelo de Oeste a mediados do século XI. Durante o seu gran pontificado, o arcebispo Xelmírez reforzou o enclave militar entre 1108-1122; as obras remataron a tempo de rexeitar os ataques das naves sarracenas (piratas islámicos do Norte de África) entre 1122 e 1134. Xelmírez tamén fomentou esta política antipirática e defensiva, organizando a primeira escuadra de guerra dos reinos cristiáns da Península.
As Torres de Oeste impediron, durante séculos, o ascenso polo Ulla dos exércitos normandos e dos piratas sarracenos, ao se tratar dun sistema defensivo que lograba frear todo tipo de invasións que ascendesen pola Ría de Arousa. O deseño da fortaleza rematouse naquel século XII, quedando como un recinto elíptico rodeado por un muro e armado por sete torres. As que hoxe quedan en pé, pertencen ao século IX; as ruínas doutras dúas son do século XII, e son da época romana os restos doutras que se orientan cara ao interior. Entre todas estas construcións, di a Historia Compostelana, destacaba unha gran torre central (con ruínas visibles hoxe en día), elevándose sobre todas as demais. O valor estratéxico deste castelo marítimo decaeu a finais do século XV e a súa etapa de decadencia chegou na época dos Reis Católicos. Coa Idade Moderna, o antigo e inexpugnable recinto militar non serviu máis que de refuxio de vagabundos e de canteira para as casas das parroquias veciñas, aínda que sen decaer de todo, grazas á existencia da capela do Apóstolo.
As Torres e as peregrinacións
O Castellum Honesti considerábase na Historia Compostelana, escrita por colaboradores de Xelmírez, como “Chave e Selo de Galicia”. En efecto, era un conxunto de grande importancia para a defensa dos estados episcopais, pero o gran prelado tamén quixo dotar o castelo dunha capela dedicada a Santiago. Durante os séculos comprendidos entre XII e XVI, acudiron numerosos peregrinos ante o altar desta pequena capela de Oeste, despois de orar en Compostela ante a tumba de Santiago. Este constante fluxo de fieis devotos fixo de Catoira, ao igual que de Fisterra, Muxía e Padrón, un lugar de peregrinación que conformaba a continuación do Camiño Francés.
CACTO
Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO)
Enderezo: Paseo Xelmírez Nº2
Teléfono: 986 686 817
E-mail Cacto: cacto@catoira.gal
E-mail Oficina de turismo: turismo@catoira.gal
- HORARIO (a partir do 15 de maio de 2024)
Mércores: 17,30 – 20,00
Xoves a domingo: 11,00 – 14,00 e 17,00 – 20,00
Luns e martes: pechado
Muiños
Muíños
Muíños de vento
Catoira é o único municipio de Galicia que posúe exemplos dos tres tipos de muíños tradicionais. Ademais do seu elevado valor etnográfico, habería que destacar o seu emprazamento en lugares de gran beleza paisaxística. Levouse a cabo un plan de recuperación dos mesmos coa restauración da maioría dos muíños de vento existentes, e o trazado de rutas de sendeirismo, pero os incendios dos últimos anos danaron algunhas estruturas.
Muíño de mareas
O Muíño de mareas, tamén coñecido como Muíño do Cura ou Muíño de Machón, está situado na desembocadura do río Catoira. A este lugar pode accederse a través dun sendeiro peonil que comunica o paseo fluvial do Ulla, dende a praia, cun novo treito que enlaza esta área coa ruta do río Catoira, o edificio multiusos e a Fonte Gaiteira. Tras a súa expropiación, está previsto levar a cabo actuacións para recuperar o Muíño de Machón. É dos poucos exemplos de aproveitamento de enerxía maremotriz na contorna.
Muíños de río
O río Catoira caracterízase polos fermosos lugares polos que decorre, a gran cantidade de muíños de regato que hai nas súas ribeiras (45), as diversas áreas recreativas ás que pode acceder o camiñante que percorra as súas marxes e a presenza dun dos escasísimos exemplares de muíño de mareas que existe na súa desembocadura, coñecido como o Muíño do Cura. Estes muíños, de grande interese etnográfico asentado na moenda do cereal, son un valioso patrimonio cultural e testemuños dun uso racional destes recursos. O Concello de Catoira leva anos traballando na recuperación deste patrimonio. Ao longo desta senda seleccionáronse once muíños, en base á súa tipoloxía, accesibilidade, estado de conservación, etc. para a súa recuperación; a meirande parte deles xa están restaurados.
Petroglifos
Petróglifos
En Catoira consérvanse numerosas insculturas prehistóricas sobre rochas graníticas da Idade do Bronce. Sobre unha rocha localizada a 500 m das pistas da Balastrera na parroquia de Oeste, á dereita do camiño, localízanse dous grupos de círculos concéntricos, cazoletas e círculos sinxelos. Os mesmos motivos aparecen na leira Taleiriña, no lugar de Aragunde, parroquia de Catoira, nunha rocha integrada no muro dunha vivenda. O conxunto de petróglifos máis insólito e diverso do municipio aparece no lugar de Cores, na parroquia de Abalo. Unha rocha de superficie plana, algo empenada, aparece enteiramente cuberta de insculturas, coñecida popularmente como “Laxe das Tixolas”. Está nunha ladeira do Monte Vello, á beira dun camiño comunal. Na rocha diferéncianse unhas vinte combinacións circulares, unha cruz con pedestal e un epígrafe. A singularidade do conxunto deriva dos deseños que aparecen interrelacionados, procedentes de épocas históricas distintas.
Rutas
Rutas
As rutas de sendeirismo: Río Catoira, Rego de San Cibrán e o Paseo Fluvial
O Concello amosou dende sempre un especial interese en rehabilitar todo o que teña relación co río Ulla e os seus afluentes, dado que son unha das maiores riquezas do municipio. O río Catoira é a arteria fluvial máis importante do municipio do mesmo nome, despois do Ulla. Tanto o río Catoira coma o seu afluente, o rego de San Cibrán, nacen nas faldras do monte Xiabre, no corazón da península do Salnés, a máis de 600 metros de altitude. A senda segue o leito destes dous arroios ao longo dun trazado de 11 km de lonxitude, dende o seu tramo alto, na ermida de San Cibrán, ata o Ulla, fronte ao illote das Telleiras, atravesando as parroquias de Dimo e Catoira. Despois dun curto percorrido, verte as súas augas nun punto no que é moi difícil precisar se se trata de augas do Ulla ou da Ría de Arousa. Dende aquí podemos chegar ata as Torres de Oeste, atravesando o paseo fluvial.
Dunha paisaxe forestal nas partes altas da senda, con abundancia de piñeiros e eucaliptos, pásase ás vizosas e fértiles veigas de Aragunde, Barral ou Tarrío, con cultivos de millo, patacas e vides, acompañados sempre polo bosque de ribeira que medra nas beiras do río Catoira. Este tipo de bosque, coa súa abundancia de salgueiros, amieiros e carballos, e os arroios de limpas augas, son os auténticos protagonistas desta senda. Os bosques de ribeira son unha peculiar formación forestal que se desenvolve na beira dos regatos e outras zonas húmidas, proporcionando sombra e un ambiente fresco, de grande importancia para a flora ea fauna do río.
Paseo fluvial
Conxunto que inclúe Alameda, Piscina Municipal, Edificio de Deportes Náuticos, pequena praia artificial e paseo de madeira que, respectando os valores ambientais existentes, enlaza a praia fluvial coa zona monumental das Torres do Oeste. O sendeiro transcorre a través das brañas e remata no municipio de Valga, permitindo así percorrer a pé un tramo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Esta ruta, que decorre paralela ao río Ulla, permite gozar da beleza dunha das paisaxes máis impresionantes de Catoira, onde se concentra, ademais, unha maior biodiversidade.
Flora e fauna
A flora e fauna de Catoira están determinadas polas características do seu emprazamento, pero tamén pola actividade humana. Así, poden observarse as especies propias de xunqueiras, brañas e bosques de ribeira. Bordeando os ríos e regatos do municipio poden atoparse ameneiros, carballos, freixos, abundantes fentos, toxos, xestas e carrouchas. A estas especies hai que engadir os bosques de piñeiro e eucalipto que xurdiron froito da replantación. Tamén na fauna atopamos unha gran diversidade, e podemos observar exemplares de xeneta, lontra, donicela, xabaril, esquío, ourizo cacho, rata de auga e de campo, corvo mariño, garza real, miñato, curuxa, avefría, solla, anguía, lamprea, píntega, cóbrega, etc.
Lagoas pedras miudas
Lagoa Pedras Miúdas
No lugar de Outeiro da Vila, na parroquia de Catoira, agóchase unha paisaxe de singular beleza. Dende o miradoiro dos Muíños de Vento de Catoira pódese albiscar o recanto de Pedras Miúdas, pero é ó se situar ao seu nivel, a carón da auga, cando a inmensidade desta lagoa impresiona ao visitante. E se a primeira vista xa sorprende, o estupor convértese en admiración cando se reflexiona sobre a orixe deste acuífero. A Lagoa Pedras Miúdas formouse sobre a cunca baleira dunha antiga canteira, converténdose nun excelente exemplo da capacidade de rexeneración da natureza. O Concello e os veciños loitaron durante anos para paralizar a canteira e conseguir a protección ambiental para a lagoa, que alberga auga dunha excelente calidade, procedente dos mananciais soterrados. Así, en 2008 Pedras Miúdas foi declarado Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
Á lagoa accédese dende a estrada PO-548, nun desvío á esquerda (dirección Vilagarcía) cara a PO-191, á altura da ponte do tren de alta velocidade.
No ano 2015 o Ministerio de Fomento executou un proxecto de adecuación do espazo natural, como compensación polas obras do Tren de Alta Velocidade. Construíuse un edificio destinado a aula medioambiental, unha ampla zona de aparcadoiro e unha área de esparexemento, na que se plantaron especies vexetais autóctonas, e dotouse de sendeiros e pasarelas peonís.
Areas recreativas
Áreas Recreativas
Parque da Fonte Gaiteira
Carballeira situada en pleno casco urbano, á beira do río Catoira. O seu céntrico emprazamento e a súa beleza convérteno no máis céntrico parque do municipio. O Auditorio e edificio multiusos converten este parque no recanto natural e de servizos máis importante do Concello, unido pola ruta fluvial ao paseo do Muíño do Cura.
Carballeira de San Cibrán
Fermosa carballeira, situada nos montes da parroquia de San Pedro de Dimo, alberga unha ermida dedicada ao santo, médico da reuma, en honor do cal se celebra unha romaría no mes de xuño.
Miradoiro de Monte Meda
Miradoiro natural dende onde se contempla o Barbanza, a comarca do Ulla e o Salnés.
Miradoiro Ruta Xacobea
Situado na Avenida Mirador da Ría, pode divisarse a desembocadura do Ulla na Ría de Arousa e boa parte do único Vía Crucis Marítimo que existe, a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, como testemuña da translación do corpo do Apóstolo Santiago dende Jaffa a Iria Flavia.