A Romaría Vikinga de Catoira é unha das celebracións máis singulares e coñecidas en Galicia. A súa sona mesmo transcende as fronteiras de España.

A tradición desta festa profana remóntase a 1960, cando se celebrou por vez primeira un acto rememorando os desembarcos nas terras do Ulla. Foron os membros do Ateneo do Ullán —foro artístico e literario integrado por intelectuais da zona— os precursores dun festexo que comezou sendo unha reunión de amigos con inquedanzas culturais comúns. A partir de 1965, os traballadores dunha empresa local remudáronos, e durante case 25 anos asumiron a organización e patrocinio dunha romaría que, co paso do tempo, se ía consolidando e adquirindo cada vez máis sona. No ano 1989, dadas as dimensións que ía adquirindo a Romaría e o crecente investimento preciso para dar resposta ás expectativas que espertaba, foi o goberno local o que asumiu a organización do evento. Este novo período estivo marcado pola introdución de novidades que enriqueceron a festa e pola súa proxección a nivel autonómico, nacional e internacional. Un bo exemplo disto é a irmandade que se establece con Frederikssund, a vila de maior tradición viquinga en Dinamarca.

As embarcacións viquingas que se utilizan no desembarco —o drakkar «Torres de Oeste» e o «Frederikssund»— son o resultado dos contactos establecidos cos países nórdicos. O primeiro foi construído en 1993 logo de que un grupo de expertos artesáns catoirenses viaxasen a Dinamarca para estudar os métodos viquingos de construción de barcos de ribeira e se decidise facer unha copia do Skuldelev 5, atopado no fiorde de Roskilde (Dinamarca). O drakkar «Frederikssund » é unha adaptación do Gokstad, un barco viquingo atopado en Noruega, e que combina tamén deseños decorativos inspirados na fermosa nave Oseberg.

Outro dos cambios que sufriu a Romaría Vikinga co paso do tempo foi a ampliación da súa duración. Un fugaz domingo de agosto quedaba curto para un evento de tal magnitude. Así, o programa da Romaría, ao facerse cargo o Concello, foise enriquecendo coa Semana do Teatro Romaría Vikinga e outras actividades que tratan de potenciar ao mesmo tempo o espírito cultural e literario dos seus fundadores. Estes esforzos víronse recompensados en 1988, cando se declara Festa de Interese Turístico Nacional, e posteriormente, en 2002, cando se obtivo a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.

A Romaría Vikinga celébrase nas Torres de Oeste, situadas na beira do río Ulla. Os viquingos que nos séculos IX e X chegaron a Galicia con intención de saquear as nosas terras atopáronse coa resistencia das tropas do Castellum Honesti, que impediron durante esa época o ascenso polo río dos exércitos normandos e dos piratas sarracenos, ata o punto de ser considerada esta fortaleza a «Chave e selo de Galicia». Pasaron máis de mil anos, e as tornas cambiaron. Agora os catoirenses e milleiros de persoas chegadas de todos os recunchos, amoréanse en torno ás Torres para darlles a benvida aos bárbaros. A violencia, o terror e o odio transformáronse nunha divertida festa de convivencia na que os temibles guerreiros nórdicos invaden pacificamente o castelo, e, desta vez, a sede non é de sangue senón de viño tinto do Ulla. A música folclórica e a gastronomía son elementos fundamentais nesta romaría. Nun mercado ambientado na época medieval ofrécense aos visitantes os máis variados produtos: os mexillóns e o polbo, por suposto, imprescindibles.

Programa

Programa

A Romaría Vikinga celébrase na primeira semana de agosto. O desembarco nas Torres de Oeste, que se dramatiza o domingo pola mañá, é, sen dúbida, un dos puntos fortes da festa. Iniciouse no ano 1968 e nel empregábase un barco areeiro “disfrazado” de drakkar viquingo. Co fin de dotar a esta actividade dunha maior espectacularidade, o Concello de Catoira decidiu construír un drakkar auténtico. Os contactos mantidos coa cidade de Frederikssund permitiron acceder ós planos dun auténtico drakkar, atopado nun fiorde de Roskilde (Dinamarca) e conservado no Museo de Barcos Vikingos da mesma localidade.
Catoira construíu na Escola Taller do municipio o primeiro barco que se convertería no protagonista indiscutible da Romaría Vikinga desde 1994. O drakkar “Torres de Oeste” é unha réplica do Skuldelev 5, unha pequena embarcación de guerra de finais do século XI, que ten 17,5 metros de eslora e 2,5 metros de manga, con capacidade para 13 pares de remos e 6 toneladas de carga, incluída unha tripulación de 30 persoas. O barco alcanza unha velocidade máxima de 15 nós.

En 2008 incorpórase un novo drakkar, bautizado “Frederikssund”. O Concello de Catoira construíu a nova nave co fin de dar resposta á crecente demanda das persoas que cada ano desexan participar no asalto á fortaleza, ó tempo que se dá maior espectacularidade ó evento. O novo barco leva o nome do pobo danés co que Catoira mantén unha irmandade desde 1997. O “Frederikssund” mestura elementos construtivos baseados no Gokstad –atopado nun túmulo funerario en Noruega- e deseños decorativos inspirados na nave Oseberg. O resultado é un barco viquingo con personalidade propia de 20 metros de eslora e 2,9 de manga.

O ataque dos viquingos ó recinto das Torres de Oeste compleméntase coa dramatización da resistencia en terra. Nesta actividade participan unhas 200 persoas. A celebración complétase coa organización dun mercado medieval ambientado na época, desfiles, actuacións de grupos folclóricos, degustación de mexillóns e viño da terra, verbenas populares, competicións deportivas, etc.

O programa da Romaría Vikinga inclúe unha ampla programación cultural que se desenvolve durante a semana previa ao desembarco, e que conta con concertos, exposicións, presentacións de libros, charlas e competicións deportivas.

Semana Teatro

Semana de Teatro Romaría Vikinga

O Concello crea a Semana de Teatro Romaría Vikinga en 1994, a raíz do contacto coa cidade danesa de Frederikssund, vila de gran tradición viquinga que tódolos anos celebra un festival no que se inclúe unha representación teatral ambientada na época dos viquingos e realizada polos habitantes da devandita localidade.

En 1993 un grupo de 200 veciños de Frederikssund (Dinamarca) representaron na Romaría Vikinga unha destas obras, o que suscitou tanta expectación que o Concello de Catoira decidiu incluír unha actividade similar no programa de celebracións. Así, e co fin de promover as artes escénicas en Catoira, creou o Premio de Teatro Romaría Vikinga, de carácter bienal. As obras premiadas en cada edición do premio son as que se representan na Romaría nos dous anos seguintes.

Na dramatización da obra teatral, que se realiza ó aire libre no recinto das Torres de Oeste durante a semana previa á Romaría, participan arredor de 200 veciños do noso municipio, que se encargan de todos os aspectos da montaxe teatral. Estas representacións teñen moi boa acollida do público asistente, que suma varios miles de espectadores durante a semana.

A Semana de Teatro Romaría Vikinga foi o xerme da Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira, que desenvolve unha intensa actividade durante todo o ano.

Cea Vikinga

Cea Vikinga e Noite de Luz

2010001
2013004
2010001 2013004

A Cea Vikinga celébrase a noite do sábado nunha gran carpa situada no recinto das Torres de Oeste. Unha animada velada na que arredor de 1000 persoas, ataviadas con vestiario de época medieval, reviven de forma auténtica o espírito viquingo degustando viandas típicas da terra.
Como preámbulo á algarabía que caracteriza o Desembarco Viquingo, e despois da Cea Vikinga, celébrase no recinto das Torres de Oeste un espectáculo de luz e pirotecnia, de gran impacto visual e sentimental, que apela á paz e a confraternidade entre pobos. Centos de persoas portando fachos acompañan a dramatización do conxuro da queimada, que logo se reparte entre os asistentes nun brinde de paz e harmonía entre irmáns.

Vikinsons

Vikinsons

Falperrys, Vikinsons 2018
Falperrys, Vikinsons 2018

A música sempre está presente na Romaría Vikinga e, no ano 2007, co obxecto de enriquecer a programación cultural da mesma, naceu o festival VIKINSONS, no que teñen actuado destacados grupos galegos de música folk e rock.
Este evento celébrase o sábado previo ó Desembarco na Alameda da Praia Fluvial. A entrada é gratuíta.

Mercado

Mercado

O Concello de Catoira establece as seguintes bases que rexerán a organización e desenvolvemento do mercado da Romaría Vikinga 2019.

  • Para poder instalar un posto en calquera espazo público do municipio de Catoira é necesario facer a inscrición con anterioridade. O formulario de inscrición deberá entregarse debidamente cuberto no Rexistro do Concello, ou ben envialo por fax ao número 986546217 ou ao correo electrónico monica.catoira@gmail.com indicando no concepto “Mercado Romaría Vikinga 2019”.
  • prazo de inscrición comeza o 3 de xullo e finaliza o 29 de xullo de 2019.
  • As asociacións en activo con sede en Catoira deberán xuntar unha fotocopia do CIF no momento de formalizar a  inscrición.
  • Os postos de alimentación e bebidas deberán manter condicións hixiénicas durante toda a xornada e contar con carné de manipulador de alimentos vixente.
  • No recinto das Torres de Oeste instalarase o mercado medieval. Os postos que desexen acceder a esta zona deberán de cumprir, ademais do anteriormente establecido, o seguinte:
    • Os postos teñen que estar acondicionados con materiais da época (madeira, cortiza, teas, canizo) ou, cando menos, non serán visibles para o público outros materiais como plástico ou semellantes.
    • Tódalas persoas que atendan os postos teñen que ir vestidos de época obrigatoriamente, coidando tamén os complementos.
  • O persoal do Concello encargado de vixiar que se cumpran as presentes bases poderán requirirlle ó responsable do posto en calquera momento o resgardo da inscrición.
  • De non cumprir o establecido nas presentes bases procederase ó peche do posto e o responsable do mesmo poderá ser sancionado economicamente e asumirá calquera tipo de responsabilidades que se poidan derivar.

As bases e o formulario de solicitude están dispoñibles na sección de anuncios da sede electrónica.

FollowVikings

Follow the vikings

O Concello de Catoira forma parte desde 2014 da Destination Viking Association (DVA), sendo o único municipio español asociado a esta entidade que xestiona o Gran Itinerario Cultural dos Vikingos, do Consello de Europa. A DVA comprende 56 organizacións de 15 países que traballan xuntas para a promoción do patrimonio viquingo e o turismo transfronteirizo.

O Concello de Catoira participa no proxecto “Follow the Vikings” (Segue aos viquingos) que a DVA puxo en marcha no 2015 cunha subvención da Unión Europea de 1,96 millóns de euros a través do subprograma cultural da UE Europa Creativa. Ten unha duración de catro anos: 2015/2019.
Este emocionante proxecto conta con 15 socios de 8 países (Reino Unido, Islandia, Irlanda, Suecia, Dinamarca, Finlandia, Noruega e España). O proxecto busca facilitar a accesibilidade e comprensión do legado viquingo a nivel internacional e, desde xeito, manter e estimular a economía e o desenvolvemento das zonas participantes, así como o posicionamento de Europa como principal destino turístico. Así mesmo, lévase a cabo unha ampliación da rede de axentes culturais involucrados na cooperación para preservar, presentar e comercializar o legado viquingo mundialmente, incluíndo o intercambio de coñecementos e experiencias entre os axentes participantes.

O proxecto contempla tamén a celebración de seminarios e reunións entre os socios participantes. Catoira acolleu en maio de 2016 un encontro centrado na presentación dos viquingos desde a perspectiva europea.

Un dos compoñentes relevantes do proxecto é a creación dun roadshow (espectáculo itinerante) viquingo que está a visitar 12 localidades clave en Europa. Chegou a Catoira os días 2 e 3 de agosto de 2018. Incluiu demostracións de artesanía e arte viquingas e espectáculos que combinaron drama, poesía, historia, música, baile e recreacións.

  Web

  Facebook

  Instagram

follow the vikings corfollow the vikings monocreative europe programdestination vikings
Top