O municipio de Catoira, con preto de 3.500 habitantes, está situado na Ría de Arousa, nun enclave privilexiado, onde se comunican as comarcas do Barbanza, Ulla-Umia e O Salnés. A súa proximidade a Vilagarcía (10 km), Santiago (35 km) ou Pontevedra (35 km) e a comunicación con Vigo e A Coruña a través da autoestrada AP-9, repercuten tamén no desenvolvemento dunha crecente actividade económica e industrial.
Catoira na historia de Galicia
A situación de privilexio coa que conta o municipio de Catoira, na desembocadura do río Ulla, ao fondo da Ría de Arousa, e o clima suave do que goza a meirande parte do ano, foron razóns convincentes para que, nesas terras, se instalasen poboacións estables dende moi antigo. Así o aseguran as diversas estacións de petróglifos da Idade do Bronce, que garda a húmida espesura dos seus bosques. A cultura dos castros instalouse no lugar de Oeste, onde hoxe se levantan as famosas Torres. Tratábase dun poboado da Idade de Ferro (século I ao II a. C.) que desenvolvía unha economía fundamentada na colleita silvestre e na gandería, complementada coa pesca, na beira do río.
Anos máis tarde, tras os intres violentos da ocupación romana, a Pax de Augusto transformou o pequeno castro costeiro nun porto comercial do Imperio, no século I da nosa Era. De todo isto fala o escritor clásico Pomponio Mela e os restos cerámicos das campañas arqueolóxicas.
A historia de Catoira estivo intimamente ligada á importancia estratéxica do complexo militar de Oeste. As Torres serviron de escudo defensivo a Galicia, dende o comezo da Idade Media ata o reinado dos Reis Católicos, momento a partir do cal entran nun período de lenta e progresiva decadencia.
As invasións
Co decorrer dos séculos abandónanse as actividades comerciais e comeza a ser aproveitado o valor estratéxico do enclave.
Nos nosos días, esta antiga realidade pode apreciarse na visita do lugar de Oeste; o que alí agarda —nas néboas da lenda e da Historia— é un dos conxuntos arqueolóxicos e históricos de maior relevancia de Galicia.
O acceso ao recinto faise a pé, por un camiño novo, baixo os piares da ponte do Ulla, ou seguindo outro máis antigo, empedrado recentemente. Ambos os dous camiños cruzan un terreo pantanoso que foi anegado polas augas da ría, contribuíndo á insularidade da inexpugnable fortaleza de Oeste.
Nos difíciles anos da Alta Idade Media, varias vagas de normandos penetraron na Ría de Arousa, causando unha gran desfeita coas súas expedicións de pillaxe. No ano 850 os normandos saquearon Iria Flavia, provocando a fuxida do bispo e do cabido a Compostela. Outras expedicións sucederon nos anos 859 e 968, pero tiveron que enfrontarse aos homes do Castellum Honesti (Fortaleza das Torres). Os ataques escandinavos tiñan como obxectivo principal en Jakoblsland (Terra de Xacob) a toma da cidade de Santiago, mitificada polos invasores, que a imaxinaban terra de grandes riquezas.
Pode ampliarse a información sobre a historia de Catoira descargando a aplicación para móbiles “Torres de Oeste”.