O alcalde de Catoira, Alberto García, presentará o vindeiro venres 21 de abril a programación da 63 edición da Romaría Vikinga, que se celebra na primeira semana de agosto.

Unha das novidades que se inclúen este ano é a conversión da Cea Vikinga nun xantar. Despois da interrupción desta actividade durante a pandemia, o sábado 5 de agosto retómase este demandado evento, pero coa novidade de que este ano se converterá nun “Xantar vikingo”, para non solaparse con outras actividades, especialmente a programación nocturna do festival Vikinsons.

O menú do xantar, que terá lugar a partir das 14:30 horas nunha carpa situada no recinto das Torres de Oeste, consistirá en empanadas de atún e carne, lagostinos, mexillóns, polbo, churrasco con patacas fritidas, rosca, café, licores galegos, viño do Ulla (branco e tinto), auga, refrescos ou cervexa.

Coma sempre, será requisito imprescindible asistir caracterizado con vestiario viquingo.

As persoas interesadas en asistir poderán adquirir as entradas a partir das 10:00 horas do venres 21 de abril, unicamente a través da plataforma ataquilla.com, a un prezo de 25 euros, máis gastos de xestión. Na biblioteca municipal de Catoira ofrecerase asesoramento para a compra de entradas a aquelas persoas que o precisen. O límite de aforo é de 1500 persoas.

Top