O Concello de Catoira vén de editar a publicación “La huella romana en Catoira”, froito do traballo conxunto dos historiadores e arqueólogos Diego Piay Augusto e Juan L. Naveiro López.

Esta obra, que analiza a pegada romana en Catoira, partindo do estudo dos textos dos autores clásicos e dos materiais arqueolóxicos que se documentaron ata a actualidade, súmase a unha serie de iniciativas impulsadas polo goberno que dirixe Alberto García para fomentar o patrimonio cultural do municipio. Ás intervencións arqueolóxicas e publicacións editadas ata o de agora, engádese a apertura no ano 2021 do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) e dúas novas prospeccións no recinto das Torres e no xacemento de A Capela.

Piay e Naveiro afondan neste libro na investigación dos restos vencellados a Catoira, analizando o seu contexto de procedencia común: ánforas, lucernas e recipientes cerámicos que hoxe forman parte de coleccións privadas e museos de distintos puntos de Galicia.  O estudo destes materiais reflicte a importancia que o río Ulla tivo durante a Antigüidade como vía de transporte de mercadorías.

“La huella romana en Catoira” é xa un obra de referencia obrigada para estudar o pasado de Catoira e do noroeste hispánico na Idade Antiga. A publicación será editada tamén en galego e inglés e xa está dispoñible a versión en castelán nas principais librarías de Galicia e España.

Diego Piay, profesor de Historia Antigua na Universidad de Oviedo, leva máis de vinte anos estudando esta etapa histórica a través do seu traballo como arqueólogo en numerosos xacementos e da análise documental. Juan Naveiro conta tamén cunha dilatada experiencia como arqueólogo e docente, especializado en aspectos económicos do mundo romano provincial. En Catoira dirixiu a intervención arqueolóxica de 1989 nas Torres de Oeste, froito da cal publicou en 2004 o libro “Torres de Oeste. Monumento histórico e xacemento arqueolóxico”, editado tamén polo Concello de Catoira.

Top