A terraza da Casa do Concello será escenario dunha mostra de cociña con degustación como parte das actividades de ‘saborEarte’. O proxecto, integrado no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, busca a promoción do Camiño
desde o punto de vista gastronómico.

As persoas interesadas en participar neste evento gratuíto deberán inscribirse por teléfono ou correo electrónico.

O xoves 18 de agosto, Catoira ten unha cita co mellor da súa gastronomía no evento gratuíto ‘saborEarte’. Será a partir das
19:00h cando a terraza da Casa do Concello albergue un showcooking con degustación baseado nos produtos de proximidade do municipio. A iniciativa, promovida polo programa Ou Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e liderada polo cociñeiro Miguel Mosteiro, busca poñer en valor as gastronomías do Camiño como recurso de alto valor turístico. O acto servirá tamén para inaugurar a terraza do edificio consistorial, recentemente acondicionada para acoller actividades municipais.
Na súa segunda edición, o proxecto ‘saborEarte’ quere continuar destacando o potencial turístico da cociña de proximidade dos distintos roteiros do Camiño. Para iso servirase de eventos gastronómicos nos que os participantes terán a oportunidade de asistir a un showcooking baseado en produtos quilómetro cero e degustar as diferentes propostas elaboradas en directo polo cociñeiro Miguel Mosteiro.

Ademais de presentar algúns dos produtos máis destacados da zona e sinalar o seu potencial para a promoción local, os eventos ‘saborEarte’ abordan outras cuestións estreitamente ligadas á cociña de proximidade como a ecoloxía e o desenvolvemento
sostible.

Cada xornada contará tamén cun pequeno taller de fotografía gastronómica, a cargo do fotógrafo Adolfo Enríquez. A súa misión será mostrar aos asistentes como sacar o maior partido ás instantáneas de pratos e produtos, multiplicando o seu atractivo e potencial como reclamo turístico. As imaxes resultantes empregaranse para deseñar unha mostra itinerante que volverá aos concellos participantes no mes de setembro.

A de Catoira será a segunda das cinco citas que, ao longo do mes de agosto, percorrerán municipios integrados no Roteiro do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño Francés, Camiño Inglés e Camiño de Inverno.

A participación na actividade é totalmente gratuíta, con prazas limitadas para 30 persoas. A inscrición para o evento deste xoves xa pode realizarse a través do teléfono 986546014 (departamento de cultura) ou do correo electrónico concello.catoira@eidolocal.es (indicando no asunto “inscripción saborEarte”)

Top