Ante a manifestación convocada para o venres ao serán no noso municipio de Catoira, para protestar pola iniciativa dunha empresa privada de ubicar un almacén de pirotecnia no lugar de Coaxe, esta Alcaldía quere saír ao paso do montón de falsidades que se están a manexar, seguramente alentadas polo BNG, grupo político que xa demostrou a súa incompetencia como gobernantes, pero que non lles importa utilizar a mentira como arma política:
1º.- É absolutamente falso que exista ningunha instalación que teña permiso para a actividade de almacén de pirotecnia, e se chega a existir, será porque as administracións que teñen competencia na materia e as facultades legais para autorizalo, é dicir, a administración Autonómica e a do Estado, o permiten cos seus informes favorables.
2º.- Esta administración municipal tomou razón, polo procedemento de obra menor e comunicación previa, da solicitude para a construción dun galpón para almacén de apeiros de labranza é, polo tanto, ese é o destino da obra e non outro, posto que, como queda dito, se a empresa promotora quere dedicar o galpón a outra actividade, terá que contar cos informes e autorizacións sectoriais (da Xunta e do Estado) que o permitan, así como tramitar o oportuno expediente de actividade ante esta administración municipal, que actuará en consecuencia coa
lexislación vixente, o que, ata a data, non ten acaecido.
3º.- Polo contrario, esta Alcaldía dirixiuse, con data do 1º de xullo, á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para que se lle informara da existencia, ou non, da iniciativa que causa tanta preocupación na veciñanza, recibindo a contestación en forma de escrito, datado o día 5 do mesmo mes, solicitando que se emitira un informe sobre a posibilidade urbanística da construción dun almacén de produtos pirotécnicos.
4º.- Esta Alcaldía, con data do 19 de xullo, remitiu á Subdelegación o informe requirido, que remataba do xeito seguinte: “quero deixar claro, unha vez máis, a miña oposición á concesión de autorización administrativa a PIROGAL PIROTECNIA, S.L., para o establecemento do depósito-taller de cartuchería o pirotecnia a ubicar no Perneto, lugar de Coaxe, parroquia de Dimo, deste termo municipal, e a miña rotunda desconformidade coa execución da citada iniciativa empresarial.”
5º.- Toda esta información a coñecen, de primeira man, as persoas que lideran este malestar veciñal, en conivencia con BNG, xa que logo esta Alcaldía mantivo unha reunión persoal con elas e tiveron ocasión de examinar o expediente do galpón, así como obter copias da documentación do mesmo, por isto faltan á verdade cando acusan á Alcaldía de ocultar datos ou de falta de información, pois os seus intereses non son tanto os de defender aos veciños como os de atacar á miña persoa utilizando a mentira, a falsidade e o insulto.
Pregúntome, por último, si estas persoas, que supoño son membros da Comunidade de Montes en Man Común de Dimo, foron informadas polo Presidente da citada Comunidade e a súa
Directiva, da venta da parcela e da intención da empresa de pirotecnia de dedicala á citada actividade, é dicir, se recibiron toda a información oportuna como esta Alcaldía ten ofrecido ao longo destes días.
Catoira, 11 de agosto de 2022..- Asdo. Alberto García García.
Top