O director de cine -gañador dun Oscar- Alejandro Amenábar utilizará un barco do Concello de Catoira para rodar a súa nova película ‘El Cautivo’ sobre Miguel de Cervantes. O alcalde, Xoán Castaño, negociou coa produtora as condicións do préstamo da embarcación, que xa está en Alicante para a rodaxe, e suporá beneficios económicos para as arcas municipais e unha importante promoción da imaxe do concello.

A utilización do barco por parte da produtora comezou a xestarse na visita de Catoira a Fitur, onde se produciu o primeiro contacto co rexedor municipal e o concelleiro responsable de Turismo. Alí, os responsables do filme estaban a buscar recursos e localizacións e, tras coñecer a romaría vikinga,  consideraron idóneos os barcos municipais polas súas características, xa que encaixaban xusto co que precisaban para unha das tomas, concretamente a secuencia da fuxida de Miguel de Cervantes de Arxel tras a súa captura por parte de militares do imperio otomano.

Entre as condicións negociadas coa produtora para o uso do barco tamén figura a invitación a representantes de Catoira para asistir á gravación da escena na que se utiliza a embarcación, e unha posible visita a Catoira dalgún actor ou actriz do elenco da película. De feito, integrantes do goberno local asistirán como convidados para contemplar a gravación das escenas do barco o vindeiro 17 deste mes. Prevese que a embarcación estea de volta a mediados do mes de xuño.

 

Top