Representantes da Xunta de Galicia, do Concello e veciñanza de Catoira reuníronse o venres para constituír oficialmente as Xuntas Locais da Zona Norte e da Zona Sur de da Concentración Parcelaria coas persoas elixidas a finais do pasado verán. Desta maneira, poderán exercer as súas competencias para axilizar o proceso colaborando coa Dirección Provincial e emitindo os informes necesarios.
Na reunión púxose de manifesto que a zona Norte vai moito máis avanzada cá Sur. Na primeira subliñouse que as/os titulares que aínda non identificaron as súas fincas deben facelo canto antes, presentando a documentación e os datos. Tamén se advertiu que en breve xa non serán posibles os cambios de titularidade, e informouse de que hai arredor de 350 recursos resoltos dos máis de 500 presentados. Púxose sobre a mesa o problema das fincas que quedaron sen entrada para a limpeza das faixas de seguridade ao abrir as novas vías da parcelaria e anunciouse a busca dunha solución xurídica conxunta por parte de todas as administracións e partes afectadas.
No que respecta á zona Sur, explicouse que se están a facer as identificacións e levantamentos, e que nas vindeiras semanas procederase a expoñer no Concello os primeiros planos para que as persoas propietarias poidan ver se está todo correcto.
Nas seguintes ligazóns poden descargarse os modelos de solicitude de cambio de titularidade, e tamén unha instancia xenérica para calquera outra solicitude. Estes documentos poden remitirse á Xunta a través do Rexistro do Concello.
Cambio por compra-venda, pacto de mellora, doazón, etc:
Cambio por falecemento e transmisión a herdeiras/os:
Modelo de instancia para comunicar outras circunstancias: