NOMEAMENTO DE FILLO PREDILECTO A FAVOR DE DON SERGIO ÁLVAREZ CONDE

PRIMEIRO.- A Corporación Municipal de Catoira, en sesión plenaria celebrada o día 7 do presente mes de maio, acordou, por unanimidade, nomear FILLO PREDILECTO a DON SERGIO ÁLVAREZ CONDE.

SEGUNDO.- A Corporación Municipal de Catoira valorou, para o outorgamento da distinción honorífica a Don Sergio Álvarez Conde, as súas calidades e méritos persoais como deportista exemplar, que con orgullo contribúe a que o nome do municipio de Catoira sexa coñecido en todo o continente europeo, así como a súa defensa da normalización do uso do noso idioma galego.

TERCEIRO.- Con motivo do outorgamento da distinción honorífica, a Corporación Municipal celebrará un Pleno de Honores o vindeiro día 26 de maio, ás 11.00 horas, no Auditorio Municipal, ao que están invitados todos/as os/as veciños/as de Catoira.

CUARTO.- Ao remate do acto, celebrarase un xantar de homenaxe a Don Sergio Álvarez Conde, na Sala Multiusos, ao que poderán asistir todos/as os/as veciños/as que o desexen, para o que deberán retirar, previamente, o vale correspondente nos establecimentos do municipio.

QUINTO.- A Corporación Municipal espera e desexa unha numerosa afluencia aos actos do vecindario, para cumplimentar, como se merece, ao noso conveciño Don Sergio Álvarez Conde.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Catoira reúne nun curso de verán aos mellores especialistas en xenética.

O Concello de Catoira acolle en xuño un curso de verán da Universidade de Vigo baixo o título “Aportacións e beneficios da xenética para a Humanidade. Que debo saber?”. Este encontro reunirá a destacados investigadores e especialistas do ámbito da xenética.

Esta acción formativa, que se dirixe especialmente a estudantes do ámbito sociosanitario e biolóxico, persegue os seguintes obxectivos:

  • Entender os mecanismos básicos da herdanza, da variabilidade xenética e da biodiversidade.
  • Comprender a importancia da xenética como base das enfermidades humanas.
  • Entender a importancia da xenética na comprensión da nosa lingua e cultura.
  • Entender os mecanismos básicos da xenética de poboacións e evolutiva e as súas aplicacións no campo da conservación.
  • Comprender a importancia da mutación xenética e a consanguinidade na diversidade xenética, a evolución, a conservación e a saúde.
  • Entender a importancia do método científico.
  • Adquirir capacidades para desenvolver actitudes críticas baseadas no coñecemento e na ética.

Algúns dos relatores destacados son Ángel Carracedo, David Posada, María Rosaura Leis ou Antonio Salas.

O curso celébrase do 25 ao 28 de xuño no Auditorio Municipal de Catoira. Consta dun total de 37 horas lectivas e 1,2 créditos de libre configuración. As 70 prazas dispoñibles cubriranse por orde de solicitude. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través da web www.culturxest.uvigo.es

 

Máis información:

Tríptico do programa

Manuel Isorna Folgar

Telf. 620859358

ALUMNADO DE CULTURA CIENTÍFICA DO IES DE TEIS (VIGO) ESTUDA O MEDIO AMBIENTE DE CATOIRA

ALUMNADO DE CULTURA CIENTÍFICA DO IES DE TEIS (VIGO) ESTUDA O MEDIO AMBIENTE DE CATOIRA
O pasado mércores 18 de abril, un grupo de mozos e mozas do IES de Teis, acompañados pola súa profesora, Alicia López, estiveron de visita por puntos emblemáticos do patrimonio natural do Concello de Catoira : Muíños de vento, a lagoa de Pedras Miudas, as Torres de Oeste, os arredores das Lombas, onde se fixeron as prospeccións de augas minero-medicinais, e os depósitos sedimentarios antigos das Barreiras, perfectamente transitables e accesibles grazas aos labores de limpeza feitos polo Concello ex profeso para esta visita.
O obxectivo: facer inspección ambiental por un día. Como bo equipo investigador, tomaron datos sobre os recursos que se explotaban na zona, os riscos naturais máis frecuentes e os posibles impactos que poderían chegar a darse. Durante as seguintes semanas seguirán traballando sobre o estudado, ata redactar un informe final coas súas fotos e observacións.
Con esta visita, xa van 15 edicións nas que o departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES de Teis leva aproveitando as posibilidades didácticas que ten a contorna, e gozando sempre das facilidades e colaboración do Concello de Catoira.

Top