NOMEAMENTO DE FILLO PREDILECTO A FAVOR DE DON SERGIO ÁLVAREZ CONDE

PRIMEIRO.- A Corporación Municipal de Catoira, en sesión plenaria celebrada o día 7 do presente mes de maio, acordou, por unanimidade, nomear FILLO PREDILECTO a DON SERGIO ÁLVAREZ CONDE.

SEGUNDO.- A Corporación Municipal de Catoira valorou, para o outorgamento da distinción honorífica a Don Sergio Álvarez Conde, as súas calidades e méritos persoais como deportista exemplar, que con orgullo contribúe a que o nome do municipio de Catoira sexa coñecido en todo o continente europeo, así como a súa defensa da normalización do uso do noso idioma galego.

TERCEIRO.- Con motivo do outorgamento da distinción honorífica, a Corporación Municipal celebrará un Pleno de Honores o vindeiro día 26 de maio, ás 11.00 horas, no Auditorio Municipal, ao que están invitados todos/as os/as veciños/as de Catoira.

CUARTO.- Ao remate do acto, celebrarase un xantar de homenaxe a Don Sergio Álvarez Conde, na Sala Multiusos, ao que poderán asistir todos/as os/as veciños/as que o desexen, para o que deberán retirar, previamente, o vale correspondente nos establecimentos do municipio.

QUINTO.- A Corporación Municipal espera e desexa unha numerosa afluencia aos actos do vecindario, para cumplimentar, como se merece, ao noso conveciño Don Sergio Álvarez Conde.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Catoira reúne nun curso de verán aos mellores especialistas en xenética.

O Concello de Catoira acolle en xuño un curso de verán da Universidade de Vigo baixo o título “Aportacións e beneficios da xenética para a Humanidade. Que debo saber?”. Este encontro reunirá a destacados investigadores e especialistas do ámbito da xenética.

Esta acción formativa, que se dirixe especialmente a estudantes do ámbito sociosanitario e biolóxico, persegue os seguintes obxectivos:

  • Entender os mecanismos básicos da herdanza, da variabilidade xenética e da biodiversidade.
  • Comprender a importancia da xenética como base das enfermidades humanas.
  • Entender a importancia da xenética na comprensión da nosa lingua e cultura.
  • Entender os mecanismos básicos da xenética de poboacións e evolutiva e as súas aplicacións no campo da conservación.
  • Comprender a importancia da mutación xenética e a consanguinidade na diversidade xenética, a evolución, a conservación e a saúde.
  • Entender a importancia do método científico.
  • Adquirir capacidades para desenvolver actitudes críticas baseadas no coñecemento e na ética.

Algúns dos relatores destacados son Ángel Carracedo, David Posada, María Rosaura Leis ou Antonio Salas.

O curso celébrase do 25 ao 28 de xuño no Auditorio Municipal de Catoira. Consta dun total de 37 horas lectivas e 1,2 créditos de libre configuración. As 70 prazas dispoñibles cubriranse por orde de solicitude. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse a través da web www.culturxest.uvigo.es

 

Máis información:

Tríptico do programa

Manuel Isorna Folgar

Telf. 620859358

ALUMNADO DE CULTURA CIENTÍFICA DO IES DE TEIS (VIGO) ESTUDA O MEDIO AMBIENTE DE CATOIRA

ALUMNADO DE CULTURA CIENTÍFICA DO IES DE TEIS (VIGO) ESTUDA O MEDIO AMBIENTE DE CATOIRA
O pasado mércores 18 de abril, un grupo de mozos e mozas do IES de Teis, acompañados pola súa profesora, Alicia López, estiveron de visita por puntos emblemáticos do patrimonio natural do Concello de Catoira : Muíños de vento, a lagoa de Pedras Miudas, as Torres de Oeste, os arredores das Lombas, onde se fixeron as prospeccións de augas minero-medicinais, e os depósitos sedimentarios antigos das Barreiras, perfectamente transitables e accesibles grazas aos labores de limpeza feitos polo Concello ex profeso para esta visita.
O obxectivo: facer inspección ambiental por un día. Como bo equipo investigador, tomaron datos sobre os recursos que se explotaban na zona, os riscos naturais máis frecuentes e os posibles impactos que poderían chegar a darse. Durante as seguintes semanas seguirán traballando sobre o estudado, ata redactar un informe final coas súas fotos e observacións.
Con esta visita, xa van 15 edicións nas que o departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES de Teis leva aproveitando as posibilidades didácticas que ten a contorna, e gozando sempre das facilidades e colaboración do Concello de Catoira.

Educadoras de York imparten actividades formativas sobre os viquingos ao alumnado de ESO do colexio de Catoira

Catoira, 4 de abril de 2018

Dúas educadoras do museo Jorvik (York) impartirán o vindeiro luns 9 e o martes 10 de abril accións formativas sobre os viquingos a alumnado de ESO do CPI Progreso de Catoira. Esta actividade está integrada no proxecto Follow the Vikings, como acción complementaria do roadshow que acollerá Catoira este verán.

Durante os dous días organízanse dous grupos de traballo entre o alumnado de 3º e 4º de ESO, nos que se impartirán charlas, obradoiros e xogos sobre a vida dos viquingos, a mitoloxía e os restos arqueolóxicos. Para iso, as educadoras de York Archaeological Trust-Jorvik traerán réplicas de obxectos procedentes do museo que o alumnado poderá manipular. Esta actividade serve tamén para establecer sinerxias co proxecto Erasmus+, no que está a participar o colexio, e que permitirá levar a cabo un intercambio de 15 estudantes de ESO nas vindeiras semanas co colexio La Salle de Dundalk (Irlanda).

Por outra parte, o alcalde e técnicos do Concello de Catoira asistiron a pasada Semana Santa aos preparativos, ensaios e posta en escena do roadshow “Follow the Vikings”, que se celebrou en Dublín o sábado 31 de marzo. Este impactante espectáculo, que combina teatro, música, danza e proxeccións audiovisuais, chegará a Catoira os días 2 e 3 de agosto, coincidindo coa semana da Romaría Vikinga.

O proxecto “Follow the Vikings”, de 4 anos de duración, está cofinanciado pola UE. En conxunto, persegue a divulgación e posta en valor do patrimonio e cultura dos viquingos, facilitar a accesibilidade e comprensión do seu legado a nivel internacional e, desde xeito, manter e estimular a economía e o desenvolvemento das zonas participantes, así como o seu posicionamento como principal destino turístico.

A Amtega renova todos os equipos informáticos da Aula CeMIT de Catoira

Luns, 12 de marzo de 2018

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia levou a cabo a renovación dos equipos informáticos da aula CeMIT de Catoira, situada na Casa de Cultura, por tratarse dunha aula cun alto nivel de actividade.

En total substituíronse 21 computadores, equipados con procesadores de última xeración que melloran notablemente a experiencia e acceso dos usuarios ás aplicacións actuais.

A Aula CeMIT de Catoira foi inaugurada en 2008 e, desde entón, leváronse a cabo multitude de accións formativas e eventos relacionados coas novas tecnoloxías, sobre todo de alfabetización dixital. O ano pasado o Concello conseguiu a consideración de aula de referencia, e o proxecto formativo anual impulsado pola axente TIC foi seleccionado pola Amtega para a terceira edición do Programa CeMIT-Innova. Na actualidade estanse a impartir dous cursos, un de mañá, e outro de tarde, no que participan preto de vinte persoas.

Pablo Culebras presenta en Catoira o proxecto “Xaque a Jakobusland”

O 28 de febreiro presentouse no CPI Progreso de CAtoira o traballo Xaque a Jakobusland, de Pablo Culebras, composto dun xogo de xadrez temático e un libro explicativo sobre as incursións viquingas. Este proxecto busca sumar ao atractivo do xadrez outros aspectos históricos, estéticos e lúdicos, e de paso divulgar algún dos tesouros pouco coñecidos da nosa historia e do seu legado.

Top