Convócanse axudas básicas de emerxencia

O Concello de Catoira informa que se acaba de aprobar unha asignación da Deputación de Pontevedra para Axudas Básicas de Emerxencia do exercicio 2020, por un importe global de 7.000,00€ para gasto corrente e 650,00€ para investimento.

Pódense beneficiar das axudas as persoas empadroadas e con residencia efectiva no municipio que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios do concello e carezan de ingresos suficientes para facerlle fronte aos gastos polos que se solicita a axuda. Daráselles prioridade ás axudas destinadas a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo.

Estas axudas inclúen as seguintes tipoloxías:

1. Alimentación.

2. Uso da vivenda (gastos de alugueiro, pagamento excepcional de hipoteca, …)

3. Pagamento de recibos de subministracións básicas para evitar a súa perda e paliar situacións de empobrecemento enerxético.

4. Pagamento de produtos e servizos de hixiene e limpeza.

5. Pagamento de produtos farmacéuticos.

6. Adquisición de electrodomésticos básicos.

7. Pagamento de desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios para facer xestións e recibir tratamentos.

8. Pagamento de lentes e audiófonos a persoas con déficit visual ou auditivo diagnosticado e prescrición técnica.

9. Pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía non financiados polo Sergas, sempre que estea xustificada a súa necesidade.

10. Pagamento de produtos de apoio para persoas con algunha discapacidade ou dependencia.

11. Atencións de carácter complementario (tratamentos) para persoas con algunha discapacidade ou dependencia.

12. Axudas de apoio á infancia.

As solicitudes poden tramitarse a través do departamento de Benestar Social do Concello ao longo de todo o ano mentres existan fondos dispoñibles. Durante o estado de alarma deberán contactar telefonicamente co persoal do departamento nos teléfonos 986546014 ou 608336409.

Poden descargar o formulario de solicitude a través da seguinte ligazón da sede electrónica:

https://catoira.sedelectronica.gal/board

 

O Concello de Catoira inicia o reparto de máscaras solidarias a través do centro de saúde

O primeiro lote de máscaras solidarias confeccionadas en Catoira comezará a repartirse desde hoxe. Será o o persoal médico do centro de saúde o encargado de entregar as primeiras 300 unidades aos pacientes máis vulnerables ao contaxio por coronavirus.
A iniciativa da confección local de mil unidades de máscaras foi posta en marcha polo Goberno Local o pasado martes. Desde entón un total de nove persoas ofrecéronse voluntarias e de forma altruísta para levar a cabo este traballo, que nos vindeiros días estará rematado.
O persoal sanitario do centro médico mostrou a súa satisfacción con esta medida, orientada a reducir o risco de contaxios, xa que hai pacientes que acoden ao centro sen protección de ningún tipo.
O Concello está xestionando xa a adquisición de máis material, e contactando con máis persoas que poidan colaborar nesta acción, co fin de aumentar a produción de máscaras.

O Goberno local reforza a seguridade no Servizo de Axuda no Fogar

O Goberno local convocou esta mañá unha reunión no Concello para incrementar as medidas de seguridade na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Na reunión participou persoal sanitario do centro de saúde, do departamento de Benestar Social do Concello e o persoal que traballa no SAF, un total de 18 persoas.

Este encontro serviu para reforzar as instrucións relativas ás medidas de seguridade que deben seguir as traballadoras durante a prestación do servizo, especialmente as referidas ao manexo dos equipos de protección (máscaras, guantes, roupa, desinfectantes..), así como á xestión dos residuos xerados polas/os usuarias/os do servizo, sobre todo no caso de traballar con persoas infectadas polo coronavirus.

O Concello entregou ao persoal do SAF máscaras destinadas ás persoas usuarias do servizo e destacouse a importancia de asesoralas sobre o uso das mesmas. O persoal do SAF conta cos equipos propios proporcionados pola empresa concesionaria.

O Concello traballa na confección de 1000 máscaras

O Goberno local adquiriu materiais para a confección de 1000 unidades de máscaras de protección.

Xa se iniciou a confección nun taller de costura. As persoas que teñan recursos de costura propios e desexen colaborar voluntariamente, poden poñerse en contacto co Concello, no teléfono 986546014, para que se lles faciliten os materiais e as instrucións a seguir.

Segue en suspenso o prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal

Ante as dúbidas formuladas por algunhas persoas respecto do período de preinscrición para solicitar praza na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/2021 aclaramos que:

– O 10 de marzo, catro días antes de decretarse o estado de alarma, publicouse un bando informando da apertura do prazo.

– Que o bando anterior quedou sen vixencia unha vez que se decretou o estado de alarma o día 14, ao suspenderse todos os prazos administrativos.

– Que, polo tanto, segue en suspenso o prazo de preinscrición ata que se levante o estado de alarma. Cando isto suceda informaremos dos novos prazos.

AVISO: “Desaconséllase o uso de fontes públicas”

Seguindo as indicacións da Consellería de Sanidade, desaconséllase o consumo de auga de fontes públicas durante o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo CoVID19, xa que non se pode garantir a desinfección e a seguridade das mesmas.

O Concello xa procedeu a sinalizar con esta recomendación as fontes do termo municipal de Catoira.

Desinfección de colectores de lixo

O Concello está a realizar traballos de desinfección das tapas dos colectores de lixo, para evitar posibles contaxios por coronavirus. Pregamos que, por favor, non se pechen as tapas ao depositar o lixo, para evitar o contacto coa superficie das mesmas.

Proposta sobre a taxa de recollida de lixo

O Goberno local levará ao pleno da Corporación unha proposta para reducir a taxa de recollida de lixo a aqueles establecementos e empresas que pecharon a súa actividade con motivo do decreto do estado de alarma. Esta redución tamén se faría extensible ás persoas traballadoras que sufriron un ERTE ou que pasaron a unha situación de desemprego por este motivo.

Top