Ábrese o prazo de preinscrición na Escola Infantil Municipal

O Departamento de Benestar Social do Concello de Catoira informa que se abre de novo o prazo de preinscrición na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/2021, que quedou suspendido ao decretarse o estado de alarma, e que agora se reactiva por necesidade de xestión do servizo.

As persoas interesadas poden presentar a solicitude, tanto para renovación de praza (para alumnado que xa estivo matriculado no curso 2019/2020) como para novo ingreso, dende o 8 de maio ata o 8 de xuño.

Os formularios de solicitude poden descargarse e presentarse telematicamente a través da sede electrónica do Concello (https://catoira.sedelectronica.gal/), ou ben presencialmente no Departamento de Benestar Social solicitando cita previa por teléfono (986 546 014).

Retómase o servizo de recollida de residuos voluminosos

O vindeiro luns 4 de maio reiníciase o servizo de recollida de residuos voluminosos.

As persoas que precisen utilizar este servizo deberán contactar telefonicamente co Concello (tf. 986546014) para comunicar o enderezo e identificar os residuos a recoller.

Lembramos que este servizo só recolle residuos domésticos, NON SE RECOLLEN residuos de obras (cascallos, pezas de baño, etc.).

O Concello abre o paseo fluvial

O Goberno Local informa que desde hoxe está aberto o paseo fluvial para que a veciñanza da zona poida gozar desta área durante os paseos con nenas/os que desde este domingo están permitidos.

Tras realizar labores de limpeza e roza das marxes, o percorrido está preparado para que a rapazada que viva a menos dun quilómetro poida gozar e admirar a beleza e a biodiversidade desta paisaxe natural, incluída na Rede Natura 2000.

Apelamos á responsabilidade de todas e todos no cumprimento das normas establecidas polas autoridades sanitarias, que poden resumirse nos catro uns: 1 paseo ao día, de 1 hora, a 1 quilómetro da casa e con 1 persoa adulta.

 

O Concello entrega novas máscaras a toda a veciñanza

O Concello de Catoira comezará a repartir mañá novas máscaras hixiénicas nos domicilios, unha unidade para cada veciña/o, incluídas/os nenas/as.
Trátase de máscaras de tres capas automontables que foron adquiridas polo Concello. Acompáñanse dunhas sinxelas instrucións para colocar as gomas. As máscaras dispoñen dunha capa exterior de cor azul que non traspasa líquidos, unha capa intermedia absorbente como filtro e outra capa interior de cor branca. Segundo indicacións do persoal do centro médico estariamos falando dunha protección homologable a un modelo KN 95.

Máscaras adaptadas para a poboación infantil
Para as/os nenas/os confecciónanse 400 máscaras de menor tamaño, xa montadas. Están feitas cos mesmos materiais, pero adaptadas a tamaño infantil por voluntarias solidarias de Catoira de forma altruísta.


Lembramos que as persoas máis vulnerables a posibles contaxios poden solicitar máis unidades no Concello, e tamén aquelas que non as recibisen no seu domicilio unha vez finalizado o reparto na súa zona.

Protección Civil inicia o reparto de tarefas educativas para reducir a fenda dixital

Hoxe púxose en marcha a iniciativa do Goberno Local de colaboración co CPI Progreso e coa EEI de Dimo para repartir as tarefas educativas de alumnado pertencente a familias que non teñen os recursos necesarios nos seus domicilios para descargalas e/ou imprimilas. Trátase así de evitar que as familias que non teñan estes medios ou que non poidan desprazarse ao centro a recollelas sufran as consecuencias da fenda dixital existente.
Protección Civil tamén entrega os libros e material escolar do terceiro trimestre ás familias que non poidan recollelo, nos casos que o centro así o decide despois de avaliar as necesidades.

Convócanse axudas básicas de emerxencia

O Concello de Catoira informa que se acaba de aprobar unha asignación da Deputación de Pontevedra para Axudas Básicas de Emerxencia do exercicio 2020, por un importe global de 7.000,00€ para gasto corrente e 650,00€ para investimento.

Pódense beneficiar das axudas as persoas empadroadas e con residencia efectiva no municipio que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios do concello e carezan de ingresos suficientes para facerlle fronte aos gastos polos que se solicita a axuda. Daráselles prioridade ás axudas destinadas a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo.

Estas axudas inclúen as seguintes tipoloxías:

1. Alimentación.

2. Uso da vivenda (gastos de alugueiro, pagamento excepcional de hipoteca, …)

3. Pagamento de recibos de subministracións básicas para evitar a súa perda e paliar situacións de empobrecemento enerxético.

4. Pagamento de produtos e servizos de hixiene e limpeza.

5. Pagamento de produtos farmacéuticos.

6. Adquisición de electrodomésticos básicos.

7. Pagamento de desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios para facer xestións e recibir tratamentos.

8. Pagamento de lentes e audiófonos a persoas con déficit visual ou auditivo diagnosticado e prescrición técnica.

9. Pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía non financiados polo Sergas, sempre que estea xustificada a súa necesidade.

10. Pagamento de produtos de apoio para persoas con algunha discapacidade ou dependencia.

11. Atencións de carácter complementario (tratamentos) para persoas con algunha discapacidade ou dependencia.

12. Axudas de apoio á infancia.

As solicitudes poden tramitarse a través do departamento de Benestar Social do Concello ao longo de todo o ano mentres existan fondos dispoñibles. Durante o estado de alarma deberán contactar telefonicamente co persoal do departamento nos teléfonos 986546014 ou 608336409.

Poden descargar o formulario de solicitude a través da seguinte ligazón da sede electrónica:

https://catoira.sedelectronica.gal/board

 

Top