Sanidade realizará cribados en Catoira este xoves

O Concello de Catoira informa que o Sergas convocou a un cribado este xoves, 15 de abril, ao alumnado de Primaria do CPI Progreso. Serán preto de 250 persoas -entre alumnado, profesorado e persoal- ás que se lles realizará un test no propio centro. Ademais, ante o incremento de contaxios rexistrados esta semana, pasando de 2 a 6 positivos, tamén se convoca para ese mesmo día a máis de 200 persoas, de entre 20 e 29 anos, a realizar unha proba de detección de COVID-19 no edifico do Concello.

O alcalde, Alberto García, mostra a súa preocupación por este notable incremento de contaxios e apela á responsabilidade cidadá no cumprimento da normativa establecida pola Xunta para a prevención de contaxios. Así mesmo, insta á poboación xuvenil convocada a acudir este xoves ao Multiusos e someterse ao cribado co fin de detectar posibles casos e evitar a propagación do virus.

O Concello de Catoira conmemora o 8M coa instalación de carteis nas árbores da Alameda

A alameda do Concello de Catoira énchese de frases ou palabras de empoderamento da muller durante o mes de marzo.

O Día Internacional da Muller, que se celebra o vindeiro luns 8 de marzo, conmemora a loita da muller pola súa participación en igualdade na sociedade e no seu desenvolvemento como persoa.

A través do poder dos deseños, composto de perfís de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras de repulsa ou frases de empoderamento, preténdese conmemorar dende Catoira, esa loita pola igualdade a través de carteis en formato redondo. Trátase dunha campaña de reivindicación do feminismo e de conmemoración do 8M dunha forma segura ó tempo que impactante.

Fallo do concurso virtual de disfraces Entroido 2021

O xurado designado para resolver o Concurso Virtual de Disfraces Entroido 2021, convocado polo Concello de Catoira, integrado por tres representantes de tres asociacións de Catoira, resolveu premiar as seguintes fotografías:

Categoría adultas/os-familias:

1º premio: “A faena de ir ó muíño”

2º premio: “Medusas confinadas”

3º premio: “La Casa de Papel”

Categoría infantil:

1º premio: “Asalto al Capitolio”

2º premio: “Cocendo a necoriña”

3º premio: “Bolas de nieve”

O Concello agradece a participación de todas as persoas que enviaron as súas fotografías.

Publícase o vídeo completo de [IN]VISIBLE LUZ

A curtametraxe ”[IN]VISIBLE LUZ”, realizada pola Escola Municipal de Teatro de Catoira, está xa dispoñible no canal de YouTube do Concello. Esta peza audiovisual foi creada a partir da representación teatral dun fragmento do libro “Invisibles. Relatos do maltrato” de Montse Fajardo, que pretende visibilizar e erradicar a violencia contra as mulleres. A obra estreouse no auditorio de Catoira o día 29 de novembro de 2020, cunha magnífica acollida entre o público, e volveuse representar o día 18 de decembro para o alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO do CPI Progreso de Catoira.

A Deputación de Pontevedra concedeu unha subvención para esta iniciativa por importe de 1839,20 €.

Agradecemos o grande esforzo e a colaboración de todas as persoas implicadas neste proxecto.

Elenco:

María Cruz Conde Conde

Élida Míguez

Ana Touriño Grela

Julia Riveiro Castiñeiras

Pedro Rey

Eva Rodriguez Carril

Dramaturxia e dirección: Tero Rodríguez

Texto orixinal: Invisibles de Montse Fajardo Pérez

Espazo sonoro: Juan Manteiga

Cámara, edición e montaxe: Breogán Martínez

Música: Néboa

Produción: Concello de Catoira

Retómase a actividade na AULA CeMIT

A Aula CeMIT retoma a súa actividade de forma telemática, co cal a formación será impartida de forma virtual. Podedes acceder aos cursos pinchando aquí.

Abrese a convocatoria para a incripción no CURSO DE TELEFORMACIÓN TITORIZADO para a obtención da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Podedes inscribirvos aquí.

Ante calquera dúbida contactar a través de:

  • Correo Electrónico: cemit.Catoira@xunta.gal
  • Teléfono: 616 842 467

 

 

Convócase un concurso virtual de disfraces

Ante a próxima celebración do Entroido, e dada a elevada incidencia de contaxios por covid-19 que se está a rexistrar, o Concello decidiu suspender o tradicional desfile e festa de disfraces. Non obstante, propoñemos unha actividade que pode contribuír a manter a ilusión dos máis pequenos e tamén a manter a interacción entre a veciñanza de forma segura.

BASES:

20210204_Bases Concurso Disfraces

Top