A LINGUA GALEGA NA TRANSMISIÓN DA HISTORIA LOCAL DE CATOIRA

A veciñanza de Catoira pode coñecer desde hoxe o resultado do proxecto de investigación, recuperación e divulgación da historia do noso municipio impulsado polo goberno local. Na canle de YouTube do Concello pode verse xa un vídeo de presentación que recolle fragmentos dos testemuños de persoas protagonistas nos diversos eidos das actividades produtivas, culturais, sociais, comerciais, naturais, musicais e artísticas do concello. Posteriormente iranse subindo os vídeos íntegros das 23 entrevistas levadas a cabo. Nas gravacións tamén se recollen imaxes do notable fotógrafo Francisco Buceta Gómez, máis coñecido como “Pasarín”, que o Concello ten en propiedade, coa intención de darlle maior visibilidade.

A estas «historias de vida» das nosas veciñas e veciños poderá accederse tamén a través dos códigos QR que se colocarán en diferentes puntos do termo municipal e que servirán para poñer en valor a historia local de Catoira e como legado para as vindeiras xeracións.

O proxecto foi impulsado polo Concello de Catoira e contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A produción foi levada a cabo por Memoria Documental de Galicia S.L.

 

PLANTACIÓN DE NOVAS ÁRBORES EN PEDRAS MIÚDAS

O Concello procedeu á plantación de 35 novas árbores na zona de Pedras Miúdas coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A distribución por especies foi a seguinte:
– Hibiscussyriacus ‘Hamabo’ (x5).
– Phoenix canariensis (x5).
– Pinus pinea (x5).
– Populus nigra (x5).
– Quercus acutissima (x5).
– Quercus robur (x5).
– Quercus rubra (x5).

INFORMACIÓN COVID-19

Informamos que neste momento hai 15 positivos por Covid-19 en Catoira.
O Concello está tomando medidas de precaución e esperamos que os veciños respeten as medidas de prevención e se coiden para que non aumenten os casos.
Precisamente, a organización deste ano da cabalgata farase itinerante polas parroquias para evitar aglomeracións, ademáis de que por seguridade sanitaria a comitiva estará formada únicamente polos Reis.
Queda suspendido o concerto previsto para o domingo na alameda da orquesta Marbella.
O goberno municipal está estudando suspender outras actividades previstas para éstas datas no caso de que a situación siga así. Informaremos de calquera cambio.

O CONCELLO CONSEGUE UNHA SUBVENCIÓN DA DEPUTACIÓN DE 6000€ PARA A SINALIZACIÓN E POSTA EN VALOR DOS PETRÓGLIFOS DE PEDRAS MINAS

Os petróglifos de Pedras Minas, recentemente descubertos, son un todo un referente na arte rupestre da provincia de Pontevedra. O conxunto atópase nun lugar actualmente non indicado así como con nula infraestrutura de visita, que permita a contemplación do elemento sen afectar ao mesmo. Con tal motivo solicitouse ésta subvención para mellorar a súa contorna inmediata.

Os obxectivos desta actuación son:

  • Contribuír á posta en valor do patrimonio arqueolóxico de Catoira.
  • Contribuír á difusión do patrimonio entre os veciños.
  • Adecuar para a visita uns importantes recursos turísticos do concello.

A actuación pretende crear unha infraestrutura de interpretación para os petróglifos de Pedras Minas, acondicionando o terreo onde se sitúan así como estudando os seus motivos para a divulgación a través de paneis explicativos.
Todos estes traballos contarán cunha estrita supervisión arqueolóxica.
Nun primeiro momento realizarase a corta da vexetación existente no lugar. Finalmente instalarase unha pasarela de contemplación de motivos así como panelería interpretativa.

PROGRAMA DE TERMALISMO SOCIAL DO IMSERSO 2022

REQUISITOS:
– Ser pensionista do Sistema da Seguridade Social de xubilación e incapacidade, en todo caso, e polo concepto de viuvez, doutras pensións ou subsidios de desemprego, unicamente cando o/a solicitante teña cumpridos os 60 anos.
Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e non padecer alteracións de comportamento nin enfermidade infecto-contaxiosa.
O/A solicitante poderá ir acompañado/a do seu cónxuxe ou parella para quen non se esixen os requisitos de pensión e de idade.

PRAZO DE SOLICITUDE:
Para as quendas dos meses de febreiro ata agosto (ambos inclusive) ata o 31 de decembro de 2021.
Para as quendas dos meses de setembro a decembro (ambos inclusive) ata o 15 de maio de 2022.
As quendas teñen unha duración de 12 ou 10 días.

INFORMACIÓN: DEPARTAMENTO DE SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO.

O CONCELLO DE CATOIRA ACONDICIONA AS PARCELAS DAS CASAS DO PROFESORADO DO COLEXIO PROGRESO COMO HORTAS ESCOLARES

Operarios do Concello de Catoira están a traballar no acondicionamento dos xardíns das antigas vivendas dos mestres para convertelas en parcelas de cultivo para uso educativo.
Nunha primeira fase estase actuando nas parcelas máis próximas ao edificio do comedor. Dúas delas xa foron adxudicadas a dous cursos de Primaria, e conforme vaian estando listas iranse repartindo entre os cursos restantes.
Esta iniciativa abre un amplo abano de posibilidades educativas, que van desde a sensibilización sobre o coidado do medio natural ata o traballo de contidos curriculares específicos. Mediante o proceso de cultivo de diferentes hortalizas o alumnado pode aprender dun xeito práctico sobre agricultura, bioloxía, nutrición ou traballar valores como o respecto ao medio, a responsabilidade ou o traballo en equipo.

O CONCELLO DE CATOIRA PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO CON MOTIVO DO 25N

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Catoira deseñou unha campaña de sensibilización con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A programación inclúe accións como a edición e difusión dunha publicación que recolle os testemuños de diferentes profesionais que traballan no eido da prevención e eliminación da violencia de xénero; a edición e distribución dun díptico informativo que compila información e ferramentas para identificar, previr ou denunciar situacións de violencia de xénero; e a produción e distribución de chapas coa data que se conmemora. O xoves 25 distribuiranse estes materiais na Biblioteca Pública Municipal en horario de 10:30 a 12:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Ademais, o domingo 28 de novembro o Auditorio Municipal acolle dous espectáculos: unha actuación de teatro e danza baseada no monólogo “A voz humana”, de Jean Cocteau ás 18:00 horas; e un concerto ás 19:30 horas de Carolina Rubirosa, cantautora cunha exitosa traxectoria que a levou a actuar en escenarios de boa parte de Europa e mesmo Rusia. A entrada a estes espectáculos é gratuíta ata completar aforo.

O PRESIDENTE DA DESTINATION VIKING ASSOCIATION ASISTE EN CATOIRA Á XORNADA “LOS VIKINGOS Y EL VINO EN GALICIA”

O Concello de Catoira acolleu o pasado mércores a xornada temática “Los vikingos y el vino en Galicia”, un evento que situou ao noso municipio no punto de encontro entre os itinerarios culturais europeos Camiños de Santiago e Ruta dos Vikingos.

A xornada comezou coa benvida do alcalde, Alberto García, seguida da presentación do libro “Los vikingos en Galicia”, de Eduardo Morales. A continuación interveu o presidente da Destination Viking Association (DVA) Ole Madsen, da que forma parte Catoira. Finalmente o catador Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, fixo unha presentación sobre a D.O. Rías Baixas rematando cunha cata de tres viños albariños. A xornada foi clausurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez.

Este evento supón o inicio dun proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Catoira o vindeiro ano, e que inclúe a celebración dun seminario que pretende seguir afianzando os vínculos entre os dous itinerarios culturais, así como un estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago de Compostela. O seminario levarase  a cabo durante a primeira semana de agosto de 2022, coincidindo coa celebración da  Romaría Vikinga e da Festa do Albariño, ambas celebracións recoñecidas como festas de Interese Turístico Internacional. Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións.

NOVOS CURSOS EN AULA VIRTUAL E MIXTA

TI© EMPRENDES é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Deputación de Pontevedra que pretende mellorar a empregabilidade, tanto por conta propia como allea, da mocidade que habite ou vaia habitar nalgún dos concellos rurais da provincia. O seu obxectivo é formar 390 persoas mozas en 26 accións formativas específicas e de emprendemento, co fin de vinculalas co seu entorno e evitar o despoboamento do rural.

DIRIXIDO A

  • Mozas e mozos entre de 16 a 30 anos
  • Inscritas/os no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
  • Desempregadas/os
  • Non integradas/os no sistema de educación ou formación
  • Residentes nos concellos rurais (con cor no mapa)

QUÉ OFRECEMOS?

  • Formación en materias específicas de cada zona
  • Titorías personalizadas para a procura de emprego
  • Asesoramento para a creación da túa propia empresa
Máis información e inscripcións:
Top