O CACTO REABRE AO PÚBLICO TRAS UNHA AMPLIACIÓN DE CONTIDOS

O luns 28 de marzo abría as súas portas o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste do Concello de Catoira, tras a instalación de novos paneis relativos á época sueva.

Veciños, interesados e afeccionados á Historia xa puideron achegarse e visitar a exposición individualmente ou en grupo. Compartir coñecemento enriquécenos a todos, saber de onde vimos a través da arqueoloxía nunca deixará de sorprendernos e a divulgación fomentará que se conserve xeración tras xeración.

Este mércores levouse a cabo a primeira visita guiada organizada desde o Concello de Catoira no CACTO. Visitáronnos do Coruña  British School uns nenos marabillosos.

En Catoira podemos estar moi orgullosos do noso patrimonio e traballar para a súa conservación é un privilexio. E desde o CACTO non só se divulga o patrimonio do noso concello, senón tamén o da comarca e de Galicia.

O proxecto de intervención nas Torres de Oeste, financiado cos fondos da UE Next-Generation, que se vai a executar nos vindeiros meses, inclúe o desenvolvemento dunha experiencia de realidade virtual en 3D inmersiva e interactiva para a recreación dun asalto viquingo ás Torres de Oeste. Esta ferramenta permitirá explicar e poñer en contexto ao visitante sobre a historia do lugar, a situación político-cultural do momento, así como as incursión viquingas en Galicia. Trátase dun recurso innovador que, sen dúbida, enriquecerá a visita ao CACTO e ao conxunto monumental.

A posta en funcionamento do centro comezou cun longo proceso de xestións e actuacións, que se iniciaron no ano 2011 coa construción do edificio. As obras executáronse ao abeiro dun proxecto de intervención máis amplo realizado no recinto das Torres de Oeste, e que foi financiado nun 75% polo Ministerio de Fomento a través do 1% Cultural en compensación polas obras do Tren de Alta Velocidade, e polo Concello de Catoira e a Xunta de Galicia o 25% restante.

O proxecto de musealización do CACTO levouse a cabo nos dous últimos anos, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra. Ademais dos equipamentos do edificio, o proxecto incluíu a construción do drakkar Ardglass-Catoira. A embarcación foi construída en Irlanda do Norte tras as xestións realizadas polo alcalde, Alberto García, que viaxou a Ardglass en 2019 para reunirse con representantes da asociación Ardglass Vikings, coa que o Concello de Catoira mantén contactos desde 2005, e que cedeu de forma desinteresada o molde co que se construíu o casco de poliéster. Este mesmo molde foi utilizado para a creación de numerosas réplicas de drakkars utilizados na famosa serie “Vikings”.

O horario para visitar o CACTO é:
De martes a domingo de 11:30 a 13:30 e de martes a sábado de 16:30 a 20:00

ROSALÍA BERMÚDEZ PRESENTA EN CATOIRA O SEU LIBRO “7 HERBAS MÁXICAS PARA A TÚA SAÚDE, BELEZA E BENESTAR”

O venres 22 de abril a sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos acolle a presentación do libro “7 Herbas máxicas para a túa saúde, beleza e benestar”, da catoirense Rosalía Bermúdez. No acto, que se celebra ás 18:00 horas, estará acompañada da autora das ilustracións do libro, Nanda Cabaleiro.

Esta obra é unha introdución ao mundo das plantas medicinais, partindo de sete exemplos que adoitamos atopar na contorna: a melisa, a herba luísa, o romeu, o sabugueiro, o ourego, a salvia e o áloe vera. As súas páxinas recollen as propiedades, usos máis estendidos e algunhas aplicacións prácticas destas sete herbas máxicas.

CATOIRA ACOLLE A EXPOSICIÓN “O PRINCIPIÑO AO REDOR DO MUNDO. A COLECCIÓN DE CARLOS CASARES”

A sala de exposicións Luis Seoane do Concello de Catoira acolle na segunda quincena de abril a mostra “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”, coincidindo co 50 aniversario da primeira tradución ao galego realizada polo autor e coa celebración do Día do Libro o 23 de abril.

O Principiño, publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. É un relato filosófico cunha enorme carga poética que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida, o amor, a morte ou as preocupacións da vida. Foi traducido a máis de 200 linguas e dialectos e leva vendido unha cifra superior aos 90 millóns de copias en todo o mundo.

A colección de principiños de Carlos Casares evidencia a paixón do escritor polo libro de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu ao noso idioma en 1972. A partir daquel momento foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo. A Fundación Carlos Casares ten como misión ofrecela para coñecemento público, como era vontade do escritor.

A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70, así como edicións especiais e outros obxectos do tradutor que explican o amor pola obra O principiño.

Con esta exposición a Fundación Carlos Casares e o Concello de Catoira contribúen na difusión da figura do escritor ourensán, do que se vén de conmemorar o 20º aniversario do seu pasamento.

ANUNCIO DE LICITACIÓN “PAVIMENTACIÓN DE CAMIÑOS EN CATOIRA”

Con data do 31 de marzo actual publícase no Perfil do Contratante da Plataforma de Contratación do Sector Público o Anuncio de Licitación correspondente á obra “PAVIMENTACIÓN DE CAMIÑOS EN CATOIRA”.

ENLACE: https://catoira.sedelectronica.gal/?x=1709Yu0SYvpPCoVyAQnCfw

O Prazo de presentación de ofertas é de VINTE (20) días hábiles contados a partires do da citada publicación, polo que rematará o vindeiro día DOUS (2) de MAIO de 2022. O que se fai público para xeral coñecemento.

ANUNCIO DE LICITACIÓN “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES”

Con data do 29 de marzo actual publícase no Perfil do Contratante da Plataforma de Contratación do Sector Público o Anuncio de Licitación correspondente á obra “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES”.

ENLACE: https://catoira.sedelectronica.gal/?x=n7baWTLPELl8ovfzWGJLRA

O Prazo de presentación de ofertas é de VINTE (20) días hábiles contados a partires do da citada publicación, polo que rematará o vindeiro día VINTE E OITO (28) de abril de 2022. O que se fai público para xeral coñecemento.

PROGRAMA VACACIÓNS EN PAZ 2022 NO CONCELLO DE CATOIRA.

Apertura do prazo de solicitude de familias acolledoras para nenos/as saharauis, durante os meses de xullo e agosto do vindeiro ano, procedentes de campamentos de refuxiados saharauis en Tindouf (Alxeria).

Aquelas familias interesadas en acollerse ao programa deberán presentar solicitude no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ata o 13 de abril.

O Concello sufragará os gastos derivados do traslado dunha nena ou neno acollida/o por unha familia empadroada neste Concello.

PROXECTO CAMIÑO ESCOLAR SEGURO CPI PROGRESO

O Concello vén de aprobar o proxecto de humanización de accesos ó colexio.

Actuacións na contorna do paseo das Lombas consistentes en:

  • Semipeatonalización adoquín de granito gris
  • Beirarrúa sobre asfalto, pavimento de formigón
  • Beirarrúa sobre terra, pavimento de formigón
  • Marquesina
Actuacións nas vías de conexión con núcleo consistentes en:
  • Carril bici sobre asfalto, pavimento de formigón.
  • Beirarrúa sobre asfalto, baldosa formigón.
  • Beirarrúa sobre terra, baldosa formigón.
  • Parking bicis sobre terra, pavimento formigón.
O presuposto total é de 252.090,49€
O proxecto trasladouse á Deputación para a súa execución.

CATOIRA: CHAVE E SELO TAMÉN NA XEOLOXÍA

Carlos Arce Chamorro e Juan Ramón Vidal Romaní, investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía, da Universidade da Coruña, son os autores dun estudo de recente publicación, dedicado á datación dos depósitos do Río Ulla no noso concello.

Os datos que achegan son froito do traballo de campo feito por Vidal Romaní e colabores en xuño de 2010, mais as investigacións da tese de doutoramento de Carlos Arce (dirixida polo propio Vidal Romaní).

Á luz dos resultados obtidos , afirman que os depósitos da Balastrera e das Lombas son moito máis antigos do que se pensaba ata o momento , cunha idade que vai desde os 180.000 anos nas partes mais baixas observadas, ata os 70.000 anos nas zonas mais superficiais.

Comparando as mostras estudadas en Catoira cos sedimentos e restos fósiles atopados noutros enclaves, os autores fan unha reconstrución de como sería a costa galega no penúltimo ciclo glaciar. A liña de praia quedaría 35 km mais lonxe, e o Umia
desembocaría no medio dunha ampla chaira continental.

Do mesmo xeito que As Torres do Oeste son peza imprescindible para coñecer as invasións normandas, os depósitos de Borreiros e As Lombas tamén o son para comprender as invasións do mar nos últimos 15.000 anos.

Cronología finipleistocena de los depósitos fluviales costeros en la desembocadura del Río Ulla en la Ría de Arousa (Galicia) mediante datación OSL

ACONDICIONAMENTO DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO

Aprobado pola Deputación de Pontevedra (plan Concellos 2022/23) con un presuposto de 27.600€ na liña 1 (anualidade 2022).
Consiste no acondicionamento do espacio da entreplanta ademáis de outras obras de mantemento como reparar a instalación de fontanería ou a sustitución de carpinterías exteriores.
Estas obras completaranse con outro proxecto complementario para a impermeabilización do pavillón poldeportivo por importe de 48.236,65€

A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN AO CONCELLO DE CATOIRA

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria do “PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (PLAN CONCELLOS) 2022-23”, liña 2, unha subvención de 48.236,65 €, con destino ao investimento denominado “PAGAMENTO DE DÉBEDAS A ACREEDORES DE GASTO CORRENTE E DE INVESTIMENTO DO CONCELLO DE CATOIRA” por importe de 29.486,53 €

A subvención foi concedida mediante Resolución do Deputado Delegado de Réxime Interior, Economía, facenda e ORAL da Deputación Provincial, con data do 15 de febreiro de 2022, e comunicada á administración municipal con data do 17 de febreiro de 2022.

Top