O Concello de Catoira anuncia a cancelación da Romaría Vikinga

O Goberno local de Catoira informou esta mañá da decisión de cancelar a Romaría Vikinga 2020.

Ante as normas ditadas pola Xunta de Galicia, que xeran unha grande incerteza en canto á posibilidade de celebrar, a partires do 1 de xullo, festas, verbenas e outros eventos populares, como o que se organiza todos os anos neste municipio de Catoira con ocasión da Romaría Vikinga, o Goberno de Catoira decidiu cancelar a celebración prevista para a primeira semana de agosto. A organización e programación dun evento desta natureza, no que participan milleiros de persoas, debe realizarse coa antelación suficiente para que se leve a cabo cunhas mínimas e esixibles medidas de seguridade e prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, polo que o lóxico e sensato é suspender este ano a celebración da citada Romaría Vikinga, decisión que o Goberno Municipal adopta polos motivos indicados e no exercicio dun esixible sentido da responsabilidade, xa que, por outra parte, o Concello de Catoira carece dos recursos económicos, materiais e persoais necesarios para facer cumprir as normas que se derivaran dun futuro protocolo de actuación para este tipo de actividades con grande afluencia de público.

Dado que este ano se conmemoraba o 60 a niversario da festa, e co fin de ofrecer unha programación simbólica ao público local, o Goberno está a traballar na organización de algúns pequenos eventos, con aforos moi reducidos.

As decisións tomadas xa lle foron comunicadas aos outros partidos políticos da Corporación. O Partido Popular mostrou a súa conformidade e apoio a estas medidas.

Convócanse os campamentos de verán da Xunta de Galicia

Está aberto o prazo de inscrición nos campamentos de verán da Xunta de Galicia. Distribúense en quendas de unha semana ou quince días durante os meses de xullo, agosto e setembro.

Están dirixidos a nenas/os nacidas/os entre os anos 2002/2011 (ambos incluídos).

O prezo varía segundo o campamento elixido. Existen bonificacións dun 50% para familias numerosas ou monoparentais e dun 25% para usuarias/os de carné xove.

O prazo de solicitude remata o 25 de xuño.

Información: Departamento de Servizos Sociais do Concello.

 

Aviso sobre o reparto de máscaras para personas vulnerables

Esta semana, o reparto de máscaras nos centros sociais para persoas máis vulnerables a posibles contaxios por coronavirus será do seguinte xeito:
– XOVES 28 en ABALO, de 10:00 a 13:00 h
– VENRES 29 en OESTE e DIMO, de 10:00 a 13:00 h

Ademais, poden recollerse CALQUERA DÍA, de luns a venres, na BIBLIOTECA de 9:00 a 14:30 h.

Pedimos desculpas polas molestias que poida causar este cambio.

LagoaPedrasMiudas2

O Concello informa que a Consellería de Sanidade non autoriza o baño na Lagoa Pedras Miúdas

O Concello vai colocar avisos na contorna da Lagoa Pedras Miúdas alertando que non está permitido bañarse na mesma.
A petición do Goberno local, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade emitiu un informe, con data de febreiro deste ano, no que establece que esta área non se pode incluír no censo oficial de zonas de baño debido a que o acceso á auga é “difícil e nalgúns casos perigoso” debido a que as marxes da lagoa son de material rochoso irregular e a que faltan varias pezas do cercado que a rodea polo lado leste. Ademais, non hai análises da auga que descarten a posible presenza de contaminantes químicos, ao tratarse dunha antiga canteira.

O Concello continúa co reparto de máscaras para persoas vulnerables a través dos centros sociais

O Goberno Local continúa este venres coa distribución de máscaras destinadas ás persoas e colectivos máis vulnerables a posibles contaxios, como persoas maiores ou con patoloxías.
As persoas que necesiten estas máscaras, deberán achegarse a algún destes puntos atendendo na data e horario indicados:

PUNTOS DE ENTREGA:

Centro social de Oeste

Centro social de Dimo

Centro social de Abalo

Edificio Multiusos (Biblioteca)

DATA: Venres 22 de maio

HORARIO: De 10:00 a 13:00 h

Ademais, poden recoller as máscaras nas oficinas municipais calquera día laborable con cita previa, chamando ao teléfono 986 546 014.

O Goberno local insta á Xunta a que limpe e xestione o monte común de Oeste

O acalde, Xoán Castaño, enviou un escrito á Consellería de Medio Rural informando do estado de abandono que sofre o monte común da parroquia de Oeste desde que, hai dous anos, se disolvese a Comunidade de Montes que xestionaba ata entón eses terreos forestais.

Dende a extinción da comunidade veciñal non se vén realizando actividade no monte, polo que se atopa en deficiente estado de conservación, e as pistas forestais están totalmente cubertas por maleza, resultando intransitables para as/os veciñas/os que precisan acudir ás súas propiedades.

A normativa establece que a xestión dos montes en man común correspóndelle subsidiariamente á Consellería, en caso de extinción da comunidade veciñal.

Dado que se están a producir queixas por parte da veciñanza ante o Concello, o alcalde pon en coñecemento da Consellería de Medio Rural a situación, solicitando que adopte as medidas necesarias.

Top