• 27 Maio, 2022
  • 21:00
  • Auditorio Municipal
O Auditorio Municipal de Catoira é un dos espazos elixidos polo Centro Dramático Galego para a xira da súa última produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, poderá verse en Catoira entre os días 26 e 29 de maio.
A primeira función, o xoves 26, estará dirixida a alumnado de centros de ensino medio da contorna, co obxectivo de achegar a dramaturxia e o teatro contemporáneo galego aos máis novos.
Co fin de descentralizar a actividade do CDG e de chegar a unha maior cantidade de público, especialmente de localidades máis pequenas, por primeira vez o programa de mobilidade esténdese á xira e vai contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.
“Ás oito da tarde, cando morren as nais” leva á escena o texto da creadora escénica Avelina Pérez, galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.
A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.
Trala súa estrea o pasado 14 de abril, a montaxe permanecerá no Salón Teatro ata o 1 de maio, para logo iniciar a xira por catro localidades galegas e dúas de Portugal.
O goberno local agradece a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira.
Pódense mercar as entradas aquí.
Top