- 2 August, 2018
- 22:30
- Torres de Oeste
Tras percorrer varios países de Europa (Dinamarca, Noruega, Polonia, Irlanda), chega a Catoira o espectáculo “Follow the Vikings” (segue aos viquingos), un evento que enxalza o seu impacto cultural e histórico. O recinto das Torres de Oeste acolle este espectáculo os días 2 e 3 de agosto, ás 22:30 horas, nas que serán as únicas funcións en España.
Tendo en conta a vida e época do poeta guerreiro Egill Skallagrímsson como fonte de inspiración, o roadshow Follow the Vikings é unha representación contemporánea da súa vida, combinando a súa narrativa co mito viquingo para salientar aspectos importantes desta cultura. É un impactante espectáculo audiovisual que combina o teatro, a música e a danza.
O roadshow forma parte dun proxecto do programa Europa Creativa, financiado pola Unión Europea, para facer o patrimonio viquingo transnacional accesible e visible para o público mundial, e do que o Concello de Catoira é socio.
Este proxecto potenciará as economías locais e o emprego e contribuirá a crear unha rede ampla e duradeira entre os socios culturais implicados na preservación, presentación e comercialización do patrimonio viquingo. O proxecto ten unha duración de 4 anos, desde 2015 a 2019.
O director artístico, Craig Morrison, conta coa colaboración da Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira, así como con artistas de boa parte de Europa.
ENTRADAS: 2 euros (anticipada na Biblioteca Pública Municipal ata o 1 de agosto, e en billeteira nos accesos ás Torres de Oeste os días de función), ata completar aforo.
Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos.
Este evento non depende das condicións meteorolóxicas, polo que se recomenda levar vestimenta axeitada. O Concello de Catoira resérvase o dereito a cancelar o evento en caso de condicións climatolóxicas extremas, por motivos de seguridade.
Non se permitirá fumar durante o show.
Este evento está cofinanciado polo Concello de Catoira, Follow the Vikings, o Programa Europa Creativa da Unión Europea, Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Máis información: culturaconcellocatoira@gmail.com