• 19 Novembro, 2021
  • 20:00
  • Auditorio Municipal de Catoira

O vindeiro venres 19 de novembro, ás 20.00 h, estréase o documental “ROMERIA VIKINGA 1995” no Auditorio de Catoira. Trátase dunha produción de Benxamín Rey, veciño de Vilagarcía. Cunha longa traxectoria profesional no eido audiovisual traballou como cámara na TVG e é autor de numerosos filmes.

No documental que se presenta este venres destacan os lugares máis emblemáticos de Catoira relacionados coa festa que se celebra cada primeira semana de agosto e que está recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional.

Esta produción ten un valor especial, xa que recolle a botadura do drakkar “Torres de Oeste”, a primeira réplica dun barco viquingo construída pola Escola Taller de Catoira baixo a dirección de Manolo Díaz, carpinteiro xa falecido. Tamén aparece Eduardo Morales, o exchanceler da Embaixada de España en Dinamarca, que presentou en Catoira a pasada semana o libro “Los vikingos en Galicia”.

No documental mostra tamén os inicios da Semana de Teatro Romaría Vikinga. Un grupo de 40 daneses de Frederikssund e outros tantos de Catoira levaron á escena a obra “Haggbard e Signe”, dirixida por César Lombera.

O filme remata co día grande da Romaría, o Desembarco Vikingo.

A voz en off é de Manuel Torrente, presentador da TVG. O cámara, guionista, editor e realizador é Benxamín Rey.

Top