- 26 Marzo, 2023
- 19:00
- Sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos
O domingo 26 de marzo, á 19:00 horas, o polifacético artista Xurxo Souto impartirá un obradoiro sobre música represaliada na Sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos.
O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a Ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
Partirase de diferentes testemuños orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas da súa contorna.
Xurxo Souto é cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto. Forma parte do grupo Os Tres Trebóns, onde se encarga da voz e do acordeón.
Esta actividade encádrase no programa “O pasado por vir”, da Deputación de Pontevedra.
A entrada é libre ata completar aforo.