Máis de 20 visitantes de diversos países do norte de Europa participarán esta semana na Asemblea Xeral Anual e Seminario de Follow the Vikings organizado polo Concello de Catoira coa colaboración de Mar de Santiago e de Turismo de Galicia.
A DVA – Follow the Vikings é un itinerario cultural europeo formado por máis de sesenta socios de dezaseis países que se uniron para desenvolver un destino turístico sen fronteiras ao redor do mundo viquingo. Na actualidade o Concello de Catoira forma parte do seu comité directivo e esta localidade foi a elixida para celebrar a súa asemblea anual.
O encontro dará comezo o vindeiro xoves 11 en Catoira, coa celebración da asemblea e coas intervencións dentro dos seminarios científicos do arqueólogo Diego Piay, do profesor da USC Manuel Gago e do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa. Ademais aproveitarase a visita internacional para presentar, da man de Melania Payán o xeodestino Mar de Santiago. Finalmente, a última hora do día, as/os asistentes realizarán unha visita guiada ao Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) e ao conxunto monumental.
O venres 12 será a quenda das visitas de campo, neste caso para membros da DVA. Desde primeira hora os participantes visitarán os puntos máis relevantes dos concellos integrantes de Mar de Santiago: Pontecesures, e Vilanova de Arousa. Así terán oportunidade de coñecer San Xulián de Requeixo, o Mercado da Lamprea, e Ou Terrón. A xornada pecharase cunha visita á cidade de Pontevedra.
O encontro preséntase como unha gran oportunidade de estreitar as relacións coas comunidades que comparten o impacto histórico dos pobos viquingos.
A asistencia ao seminario do día 11, que terá lugar no Auditorio Municipal, é libre e gratuíta, ata completar aforo.
PROGRAMA SEMINARIO: «Vikingos en Iberia e máis aló»
Xoves 11 de abril – Seminario
11:50 Benvenida do alcalde de Catoira, Xoán Castaño, e do concelleiro de Cultura, Raúl Gómez.
12:00 Diego Piay Augusto, arqueólogo e historiador, profesor da Universidad de Oviedo.
Patrimonio prehistórico, romano e medieval en Torres de Oeste. Arqueoloxía de Catoira.
12:30 Manuel Gago Mariño, doutor en Ciencias da Información e catedrático de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela.
Os relatos sobre viquingos en Galicia desde a Idade Media ata os nosos días.
13:00 Pausa – xantar
15:30 Ildefonso de la Campa Montenegro, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.
Xestión de itinerarios culturais: do tanxible ao inmaterial.
15:50 Melania Payán Pérez, senior consultant de Dos Espacios Internet Consulting.
O Camiño de Santiago e a Ruta Espiritual Mar de Santiago: como converter un camiño espiritual nunha oportunidade económica.
16:30 Visita ao Centro de Activación Cultural Torres de Oeste e ao conxunto monumental.