Semana de Teatro Romaría Vikinga

O Concello crea a Semana de Teatro Romaría Vikinga en 1994, a raíz do contacto coa cidade danesa de Frederikssund, vila de gran tradición viquinga que tódolos anos celebra un festival que inclúe unha representación teatral ambientada na época dos viquingos e realizada polos habitantes da devandita localidade.

En 1993 un grupo de 200 veciños de Frederikssund (Dinamarca) representaron na Romaría Vikinga unha destas obras, o que suscitou tanta expectación que o Concello de Catoira decidiu incluír unha actividade similar no programa da Romaría. Así, e co fin de promover a arte escénica en Catoira, creou o Premio de Teatro Romaría Vikinga, de carácter bienal. As obras premiadas en cada edición do premio son as que se representan na Romaría nos dous anos seguintes.

Na dramatización da obra teatral, que se realiza ó aire libre no recinto das Torres de Oeste durante a semana previa á Romaría, participan arredor de 200 veciños do noso municipio, que se encargan de todos os aspectos da montaxe teatral. Estas representacións teñen moi boa acollida do público asistente, que suma varios miles de espectadores durante a semana.

A Semana de Teatro Romaría Vikinga foi o xerme da Escola Municipal Úrsula Teatro de Catoira, que desenvolve unha intensa actividade durante todo o ano.

Top

Edificio Multiusos Rúa do Concello, 1 36612, Catoira (Pontevedra)

Tf. 986 54 60 14

concello.catoira@eidolocal.es