As rutas de sendeirismo: Rio Catoira, Rego de San Cibrán e o Paseo Fluvial

O Concello amosou dende sempre un especial interese en rehabilitar todo o que teña relación co río Ulla e os seus afluentes, dado que son unha das maiores riquezas do municipio. O río Catoira é a arteria fluvial máis importante do municipio do mesmo nome, despois do Ulla. Tanto o río Catoira coma o seu afluente, o rego de San Cibrán, nacen nas faldras do monte Xiabre, no corazón da península do Salnés, a máis de 600 metros de altitude. A senda segue o leito destes dous arroios ao longo dun trazado de 11 km de lonxitude, dende o seu tramo alto, na ermida de San Cibrán, ata o Ulla, fronte ao illote das telleiras, atravesando as parroquias de Dimo e Catoira. Despois dun curto percorrido, verte as súas augas nun punto no que é moi difícil precisar se estamos en augas do Ulla ou da Ría de Arousa. Dende aquí podemos chegar ata as Torres de Oeste, atravesando o paseo fluvial.

Dunha paisaxe forestal nas partes altas da senda, con abundancia de piñeiros e eucaliptos, pásase ás vizosas e fértiles veigas de Aragunde, Barral ou Tarrío, con cultivos de millo, patacas e vides, acompañados sempre polo bosque de ribeira que medra nas beiras do río Catoira. Este tipo de bosque, coa súa abundancia de salgueiros, amieiros e carballos, e os arroios de limpas augas, son os auténticos protagonistas desta senda. Os bosques de ribeira son unha peculiar formación forestal que se desenvolve na beira dos regatos e outras zonas húmidas, proporcionando sombra e un ambiente fresco, de grande importancia para a flora ea fauna do río.

 

Flora e fauna

A flora e fauna de Catoira están determinadas polas características do seu emprazamento, pero tamén pola actividade humana. Así, poden observarse as especies propias de xunqueiras, brañas e bosques de ribeira. Bordeando os ríos e regatos do municipio poden atoparse ameneiros, carballos, freixos, abundantes fentos, toxos, xestas e carrouchas. A estas especies hai que engadir os bosques de piñeiro e eucalipto que xurdiron froito da replantación. Tamén na fauna atopamos unha gran diversidade, e podemos observar exemplares de xeneta, lontra, denociña, xabaril, esquío, ourizo cacho, rato de auga e de campo, corvo mariño, garza real, miñato, curuxa, avefría, solla, anguía, lamprea, píntega, cóbrega, etc.

 

Paseo Marítimo

Conxunto que inclúe Alameda, Piscina Municipal, Edificio de Deportes Náuticos, pequena praia artificial e paseo de madeira que, respectando os valores ambientais existentes, enlaza a praia fluvial coa zona monumental das Torres do Oeste. A través dos carrizais remata no municipio de Valga, permetendo así percorrer a pé un tramo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Paseo fluvial do Ulla A ruta fluvial que decorre paralela ao río Ulla permite gozar da beleza dunha das paisaxes máis impresionantes de Catoira, onde se concentra, ademais, unha maior biodiversidade. Un paseo peonil duns tres quilómetros une a área recreativa da praia fluvial co recinto das Torres de Oeste, continuando polas brañas ata o límite co municipio veciño de Valga.

Top