Ábrese o prazo de preinscrición na Escola Infantil Municipal

O Departamento de Benestar Social do Concello de Catoira informa que se abre de novo o prazo de preinscrición na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/2021, que quedou suspendido ao decretarse o estado de alarma, e que agora se reactiva por necesidade de xestión do servizo.

As persoas interesadas poden presentar a solicitude, tanto para renovación de praza (para alumnado que xa estivo matriculado no curso 2019/2020) como para novo ingreso, dende o 8 de maio ata o 8 de xuño.

Os formularios de solicitude poden descargarse e presentarse telematicamente a través da sede electrónica do Concello (https://catoira.sedelectronica.gal/), ou ben presencialmente no Departamento de Benestar Social solicitando cita previa por teléfono (986 546 014).

O Concello entrega novas máscaras a toda a veciñanza

O Concello de Catoira comezará a repartir mañá novas máscaras hixiénicas nos domicilios, unha unidade para cada veciña/o, incluídas/os nenas/as.
Trátase de máscaras de tres capas automontables que foron adquiridas polo Concello. Acompáñanse dunhas sinxelas instrucións para colocar as gomas. As máscaras dispoñen dunha capa exterior de cor azul que non traspasa líquidos, unha capa intermedia absorbente como filtro e outra capa interior de cor branca. Segundo indicacións do persoal do centro médico estariamos falando dunha protección homologable a un modelo KN 95.

Máscaras adaptadas para a poboación infantil
Para as/os nenas/os confecciónanse 400 máscaras de menor tamaño, xa montadas. Están feitas cos mesmos materiais, pero adaptadas a tamaño infantil por voluntarias solidarias de Catoira de forma altruísta.


Lembramos que as persoas máis vulnerables a posibles contaxios poden solicitar máis unidades no Concello, e tamén aquelas que non as recibisen no seu domicilio unha vez finalizado o reparto na súa zona.

O Goberno local reforza a seguridade no Servizo de Axuda no Fogar

O Goberno local convocou esta mañá unha reunión no Concello para incrementar as medidas de seguridade na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Na reunión participou persoal sanitario do centro de saúde, do departamento de Benestar Social do Concello e o persoal que traballa no SAF, un total de 18 persoas.

Este encontro serviu para reforzar as instrucións relativas ás medidas de seguridade que deben seguir as traballadoras durante a prestación do servizo, especialmente as referidas ao manexo dos equipos de protección (máscaras, guantes, roupa, desinfectantes..), así como á xestión dos residuos xerados polas/os usuarias/os do servizo, sobre todo no caso de traballar con persoas infectadas polo coronavirus.

O Concello entregou ao persoal do SAF máscaras destinadas ás persoas usuarias do servizo e destacouse a importancia de asesoralas sobre o uso das mesmas. O persoal do SAF conta cos equipos propios proporcionados pola empresa concesionaria.

Segue en suspenso o prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal

Ante as dúbidas formuladas por algunhas persoas respecto do período de preinscrición para solicitar praza na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2020/2021 aclaramos que:

– O 10 de marzo, catro días antes de decretarse o estado de alarma, publicouse un bando informando da apertura do prazo.

– Que o bando anterior quedou sen vixencia unha vez que se decretou o estado de alarma o día 14, ao suspenderse todos os prazos administrativos.

– Que, polo tanto, segue en suspenso o prazo de preinscrición ata que se levante o estado de alarma. Cando isto suceda informaremos dos novos prazos.

AVISO: “Desaconséllase o uso de fontes públicas”

Seguindo as indicacións da Consellería de Sanidade, desaconséllase o consumo de auga de fontes públicas durante o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo CoVID19, xa que non se pode garantir a desinfección e a seguridade das mesmas.

O Concello xa procedeu a sinalizar con esta recomendación as fontes do termo municipal de Catoira.

NOVAS MEDIDAS DE PREVENCIÓN FRONTE AO CORONAVIRUS

 

A COMISIÓN DE SEGUEMENTO DO CORONAVIRUS, creada no Concello de Catoira o pasado 16 de marzo, adoptou na reunión desta mañá as seguintes medidas, orientadas a previr a expansión do virus:

– Posta en funcionamento dun servizo de reparto de alimentos e medicamentos para persoas que o precisen. Este servizo será coordinado polo departamento de Benestar Social do Concello, Protección Civil e o Centro de Saúde. Recoméndase solicitar un único pedido.
– Desinfección en espazos públicos sensibles pola afluencia de persoas (paradas de autobuses, supermercados, entidades bancarias, etc.)
– Desinfección nas instalacións e inmediacións da Casa do Concello e das superficies de contacto no seu interior, así como instalación de dispensadores de xel hidroalcólico nas instalacións municipais.
– Peche do paseo fluvial.
– Suspensión do mercado na Alameda do Concello.
– Comunicación á Xunta de Galicia da necesidade de prover á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de equipos de protección individual.
– Comunicación á Xunta de Galicia advertindo que a empresa que ten adxudicado o Servizo de Axuda no Fogar non ten medios necesarios e fundamentais para evitar posibles contaxios: mascarillas de protección, etc

O Concello de Catoira acolle a exposición “O naufraxio do Santa Isabel”

O xoves, 8 de marzo, inaugurouse na sala de exposicións Luís Seoane do Edificio Multiusos de Catoira a exposición “O naufraxio do Santa Isabel”, o denominado Titanic das costas españolas. O afundimento, ocorrido o 2 de xaneiro de 1921, provocou a morte de máis de 200 pasaxeiros.

A mostra está composta por 86 paneis con información e fotografías relacionados coa catástrofe, maquetas, obxectos do buque e unha proxección audiovisual.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 18 de marzo, de luns a xoves de 10:30 a 12:30 horas e de 16:30 a 20:00 horas, os venres de 16:30 a 19:30. Tamén abrirá o domingo 10 pola mañá e o domingo 18 pola tarde.

O acto inaugural foi o día 8 ás 19:00 horas. Coincidindo co Día Internacional da Muller, o comisario da exposición, o xornalista e editor Celestino Viéitez, impartiu unha charla baixo o título “Heroínas de Sálvora, do ceo aos infernos”. Tamén actuou o coro do Centro Municipal do Maior (Cemuma).

noticia1

«Ecos de Cortegada» en Catoira

La exposición «Ecos de Cortegada», que se inauguró ayer en el Multiusos de Catoira, explica la historia de las personas que vivieron en la isla hasta su expulsión y su entrega, como regalo, a Alfonso XIII. Tras rotar por los colegios de Vilagarcía, estará en Catoira todo junio.

Top