A Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), comezou onte os traballos de prospección xeofísica e teledetección no recinto das Torres de Oeste. O alcalde, Alberto García, e o tenente alcalde, Javier César, supervisaron esta mañá as actuacións que se están a realizar.
Os técnicos, coordinados polo director científico, César Parcero, e a dirección técnica de Carlos Otero, comezaron este luns coa prospección xeofísica con gradiómetro da totalidade do xacemento, excepto nas propias torres. Tamén se están a efectuar voos de dron para obter unha topografía de alta precisión, incluíndo a Illa Castrivello, e vaise realizar outro voo de infravermellos para detectar muros, fosos ou estruturas subterráneas.
Nas próximas semanas tamén está previsto utilizar xeoradar nalgunhas das partes de máis interese do xacemento. Esta técnica, complementaria e diferente aos infravermellos, tamén permite detectar estruturas soterradas, facendo un mapa do subsolo.
Esta intervención será de mínima invasión, permitindo obter información sen producir grandes impactos. Unha vez finalizados os traballos, os técnicos entregarán ao Concello e á Deputación de Pontevedra un mapa dixital composto por varias capas cos resultados dos estudos, que permitirán obter unha topografía de moi boa calidade, as estruturas soterradas e unha fotografía do recinto de alta definición.
Este proxecto arqueolóxico, froito dun convenio entre a Deputación de Pontevedra e o CSIC-INCIPIT, súmase á sondaxe realizada o pasado mes de febreiro no lugar de A Capela (San Salvador), impulsada polo Concello de Catoira.