A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA SUBVENCIÓN DE 67.397,67€ AO CONCELLO DE CATOIRA PARA A REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL COMO CASA DAS ARTES

A Deputación Provincial de Pontevedra, ven de conceder ao Concello de Catoira, ao abeiro das bases reguladoras e convocatoria do “PLAN DE OBRAS E SERVIZOS (PLAN CONCELLOS) 2022-23”, liña 1, unha subvención de 67.397,67 €, con destino ao financiamento da achega municipal ao Convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Catoira para a execución da actuación denominada “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES” cun orzamento que ascende a 449.248,80 €

A subvención foi concedida mediante acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 28 de xaneiro de 2022, e comunicada á administración municipal con data do 31 de xaneiro de 2022.

De seguido procederase a tramitar o oportuno expediente de contratación para que a obra, poida atoparse executada na súa totalidade antes do 30 de abril de 2023.

 

MANTEMENTO DOS PARQUES INFANTÍS MUNICIPAIS

O Concello de Catoira informa que se realizaron tarefas de mantemento en todos os parques infantís municipais, de xeito que a día de hoxe están todos revisados, adecentados e reparados.
Dende xuño de 2019 a xuño de 2020 non se levou a cabo ningún mantemento nos mesmos. Tampouco se limparon as cunetas das estradas locais, non se repuxeron espellos, non se cambiaron paneis informativos, non se arranxaron paseos peonís, non se limparon fontes e lavadoiros e non se pintaron e sinalizaron as estradas municipais.

A xerente da SEA visita o parque empresarial de Catoira trala adxudicación dunha parcela a unha empresa de mecanizados

A xerente de SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), Beatriz Sestayo, realizou unha visita ao polígono industrial acompañada do alcalde, Xoán Xosé Castaño. Beatriz Sestayo informou ao alcalde sobre a adxudicación, no Consello de Administración de SEA celebrado en xuño, dunha parcela de 2.133 metros cadrados no polígono industrial. O alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, explicou a obra prevista polo Concello para a mellora da seguridade viaria no acceso norte ao parque empresarial, que xa foi adxudicada.

Catoira, martes 3 setembro 2019

A xerente da sociedade Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e o alcalde de Catoira, Xoán Castaño, mantiveron un encontro este martes para analizar posibles medidas que permitan impulsar o parque empresarial de Catoira. Na reunión participaron tamén o concelleiro de obras de Catoira, José Gonzalo López, e o responsable comercial e avogado de SEA, José Rey.

Tras unha reunión no Concello, visitaron o parque empresarial, que conta cunha superficie bruta de 91.139 metros cadrados e neta de 59.560. Despois de facer o roce do parque en xullo por parte de SEA, prevese que nas vindeiras semanas, segundo comunicou o alcalde, se inicie a obra de mellora da seguridade viaria no acceso norte ao parque cun orzamento de 119.000 euros.

ADXUDICACIÓN DE PARCELA

Pola súa banda, a xerente da SEA informou ao alcalde de que no pasado Consello de Administración de SEA, celebrado o 10 de xuño, acordouse a adxudicación da parcela 3 do Parque Empresarial de Catoira, cunha superficie total de 2.133 metros cadrados, polo prezo de 159.994 euros máis I.V.E., a unha empresa de mecanizados e caldeirería.

Durante a visita, Xoán Castaño mostrou a súa confianza en que a recente adxudicación e mellora da vía de acceso supoña o “punto de partida” da revitalización do parque empresarial. Beatriz Sestayo transmitiu a aposta de SEA, dependente do Ministerio de Fomento, polo desenvolvemento empresarial e remarcou o seu interese en fomentar activamente o parque empresarial de Catoira. O principal obxectivo de Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., SME, é o desenvolvemento e comercialización de parques empresariais en Galicia, xestionando na actualidade 13 polígonos industriais na comunidade que suman máis de 4 millóns de metros cadrados.

 

Top