Cúmprese o prazo de execución das obras do campo de fútbol das Lombas

O alcalde de Catoira, Alberto García, anuncia que, grazas á axilidade na execución das obras de reforma do campo de fútbol municipal As Lombas, as renovadas instalacións estarán listas para a súa utilización dentro dun mes.

A empresa Sport Equipalia, adxudicataria deste proxecto, foi a encargada de levar a cabo as seguintes actuacións:

a) Terreo de xogo: substitución do céspede do recinto de xogo, colocando un novo céspede artificial en lugar do existente.

Desmonte e retirada de céspede artificial existente extraendo o recheo de area e o granulado de caucho. Posteriormente procedeuse á nivelación, regularización e limpeza da base de aglomerado existente, para logo instalar un sistema de céspede artificial de última xeración para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7, con marcaxe das liñas de xogo. O proxecto tamén contemplaba a limpeza, reparación e/ou substitución dos canlóns perimetrais de drenaxe.

b) Bancada: substitución da cuberta da bancada, renovación de varandas en mal estado e reposición de asentos danados.

Colocouse unha cuberta de ferros de aceiro galvanizado, lacado con resinas plásticas, con acabado de poliéster siliconado.

c) Vestiarios: Reforma e acondicionamento de vestiarios, con supresión de barreiras arquitectónicas.

Melloráronse as características térmicas dos vestiarios, mediante un sistema de illamento térmico exterior nos paramentos e un illamento de la mineral sobre o forxado.

Renovouse a instalación de fontanería e substituíronse as portas.

Co fin de mellorar a accesibilidade eliminouse o desnivel entre o interior e o exterior mediante unha rampla.

A empresa adxudicataria incluíu ademais na súa oferta dúas melloras: a substitución do portal de acceso ao campo e a substitución e mellora dos grupos de presión de auga e das tubaxes de aspiración e impulsión.

O orzamento total de execución das obras ascendeu á cantidade de 236.143,60 euros e contaba cun prazo de execución de 3 meses.

Este proxecto contou cunha subvención da Xunta de Galicia, que foi solicitada por Alberto García con data do 7 de agosto de 2020, e que se formalizou mediante a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas entidades o día 4 de novembro de 2020.

Top