O PRESIDENTE DA DESTINATION VIKING ASSOCIATION ASISTE EN CATOIRA Á XORNADA “LOS VIKINGOS Y EL VINO EN GALICIA”

O Concello de Catoira acolleu o pasado mércores a xornada temática “Los vikingos y el vino en Galicia”, un evento que situou ao noso municipio no punto de encontro entre os itinerarios culturais europeos Camiños de Santiago e Ruta dos Vikingos.

A xornada comezou coa benvida do alcalde, Alberto García, seguida da presentación do libro “Los vikingos en Galicia”, de Eduardo Morales. A continuación interveu o presidente da Destination Viking Association (DVA) Ole Madsen, da que forma parte Catoira. Finalmente o catador Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, fixo unha presentación sobre a D.O. Rías Baixas rematando cunha cata de tres viños albariños. A xornada foi clausurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez.

Este evento supón o inicio dun proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Catoira o vindeiro ano, e que inclúe a celebración dun seminario que pretende seguir afianzando os vínculos entre os dous itinerarios culturais, así como un estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago de Compostela. O seminario levarase  a cabo durante a primeira semana de agosto de 2022, coincidindo coa celebración da  Romaría Vikinga e da Festa do Albariño, ambas celebracións recoñecidas como festas de Interese Turístico Internacional. Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións.

O PRESIDENTE DA DESTINATION VIKING ASSOCIATION ASISTE EN CATOIRA Á XORNADA “LOS VIKINGOS Y EL VINO EN GALICIA”

O vindeiro mércores, 10 de novembro, celébrase en Catoira a xornada temática “Los vikingos y el vino en Galicia”. O evento terá lugar na sala Celso Emilio Ferreiro do Concello de Catoira e inclúe o acto de presentación do libro “Los vikingos en Galicia”, de Eduardo Morales. A este acto asistirá -invitado polo alcalde Alberto García- o presidente da Destination Viking Association (DVA) Ole Madsen.

Este evento supón o inicio dun proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Catoira o vindeiro ano, e que inclúe a celebración dun seminario sobre os vínculos entre os itinerarios culturais Ruta dos Viquingos e o Camiño de Santiago, así como un estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago de Compostela. O seminario levarase a cabo durante a primeira semana de agosto de 2022, coincidindo coa celebración da Romaría Vikinga e da Festa do Albariño, ambas celebracións recoñecidas como festas de Interese Turístico Internacional. Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións.

Programa:

  • 10:30 Benvida do alcalde de Catoira, Alberto García
  • 10:45 Presentación de Eduardo Morales: “Los vikingos en Galicia”. Ex-chanceler da Embaixada de España en Dinamarca, arqueólogo e investigador, autor de numerosos artigos e publicacións sobre a cultura escandinava e sobre os viquingos.
  • 11:30 Presentación de Ole Madsen: Destination Viking Association. Director do Museo Arqueolóxico da Universidade de Stavanger (Noruega).
  • 12:00 Jorge Vila Fernández: presentación sobre o viño albariño. Catador e director da Galicia Wine Academy.
  • 12:30 Cata de viños albariños.
  • 13:00 Clausura a cargo do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra.

Este acto de presentación está aberto a tódolos veciños que queiran acudir.

Lembramos tamén que a biblioteca pública municipal conta con exemplares do libro para o seu préstamo.

FOTOS DA PROCESIÓN DE CAVEIRAS 2021

Compartimos algunhas imaxes da Procesión de Caveiras. A pesar da chuvia, a veciñanza sumouse a esta celebración gozando da música da Banda de Catoira e dos 80 quilos de castañas que asou o persoal do Concello.

EXPOSICIÓN “ARTE E NATUREZA”

Este outono temos a oportunidade de gozar de novo dunha exposición que mestura a arte e a natureza a través de tres manifestacións diferentes: os bonsáis, a cerámica e a pintura.
Tito Riveiro mostra parte da súa colección de bonsáis nunha das etapas máis recomendables para admiralos. Consegue reducir a escala moitas variedades distintas da nosa flora autóctona e outras alóctonas para gozalas dunha forma diferente á que estamos habituados. Dada a súa fraxilidade, os bonsáis estarán expostos unicamente durante unha fin de semana: entre o días 22 e 24 de outubro.
A manipulación doutro material natural, pero inerte, complementa esta mostra. Do mesmo xeito que fixeron xa os nosos antepasados, Ana González, restauradora de bens culturais, utiliza a arxila como materia prima para as súas creacións. Nesta ocasión, a réplica que realizou do mosaico romano de Panxón será o elemento central dunha colección que trata de dar a coñecer a riqueza cultural que nos rodea co fin de contribuír á súa posta en valor e preservación.
A exposición complétase coa obra pictórica de Ángeles Garrido. Ten participado en numerosas mostras colectivas e individuais. Na súa obra procura a beleza con cada motivo elixido, camiñando entre o realismo e o expresionismo. Representa desde paisaxes que transmiten paz, retratos de personaxes que nos envían unha mensaxe, a escenas ecuestres de gran forza.

O CACTO recibe unha gran acollida por parte das/os visitantes

Tras tres semanas de apertura ao público, o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO), está a superar as expectativas en canto ao número de visitas e valoracións. Neste período, as instalacións expositivas recibiron a visita de mais de 500 persoas.

As persoas que se achegan ao centro aprecian especialmente a posibilidade de coñecer cómo se desenvolve a Romaría Vikinga. A visita permite un achegamento á pegada dos pobos nórdicos e á Romaría que se celebra cada verán en Catoira, como festa de interese turístico internacional, cunha videoprodución de grande formato no soto, que permite revivir o desembarco viquingo en primeira persoa.

O Cacto naceu como centro de interpretación de Torres de Oeste. Un achegamento á historia deste enclave: unha insua na desembocadura do río Ulla que constituíu a porta de acceso e fronteira de protección desde o océano cara ó interior de Galicia e as terras de Compostela “Torres de Oeste, chave e selo de Galicia”.

Con esta mirada faise un percorrido desde a pegada da prehistoria na contorna, os primitivos tráficos comerciais marítimos na cultura castrexa e continuados durante o Imperio Romano, cando xa atopamos a identificación de “Turris Augusti” na desembocadura do río Ulla. Na alta idade media o enclave cobrou un novo protagonismo, coa reconstrución e reforzo da fortificación, nomeada xa como “Castellum Honesti”, para facer fronte ás incursións das novas ameazas chegadas desde o mar: os “homes do norte” na procura de riquezas en Jakobusland -como chamaban a Galicia-. Máis aló da etapa de incursións viquingas, as costas galegas sufriron o asolagamento de piratas almorábides achegados por mar desde o sur da península. Neste contexto xurde a figura de Diego Xelmírez, que viviu de neno no propio castelo de Torres de Oeste, e que logo, xa como arcebispo de Santiago, deu un pulo ás defensas da ría de Arousa, no propio Castelo de Oeste, e promoveu a construción, nos estaleiros do río Ulla, da primeira flota de galeras dos reinos cristiáns da Península Ibérica, para defender e combater con éxito as incursións nas costas das rías galegas.

O centro conta con paneis informativos, exhibición de réplicas que contextualizan diferentes etapas da historia das Torres, e varias unidades audiovisuais que permiten afondar de xeito interactivo e inmersivo nos contidos da exposición. No andar superior atópase un espazo para actividade cultural dedicado a presentacións e talleres para visitas escolares. Namentres, aprovéitase dito espazo como extensión expositiva cunha ollada ao patrimonio cultural do Concello de Catoira.

Top