ROSALÍA BERMÚDEZ PRESENTA EN CATOIRA O SEU LIBRO “7 HERBAS MÁXICAS PARA A TÚA SAÚDE, BELEZA E BENESTAR”

O venres 22 de abril a sala Celso Emilio Ferreiro do Edificio Multiusos acolle a presentación do libro “7 Herbas máxicas para a túa saúde, beleza e benestar”, da catoirense Rosalía Bermúdez. No acto, que se celebra ás 18:00 horas, estará acompañada da autora das ilustracións do libro, Nanda Cabaleiro.

Esta obra é unha introdución ao mundo das plantas medicinais, partindo de sete exemplos que adoitamos atopar na contorna: a melisa, a herba luísa, o romeu, o sabugueiro, o ourego, a salvia e o áloe vera. As súas páxinas recollen as propiedades, usos máis estendidos e algunhas aplicacións prácticas destas sete herbas máxicas.

CATOIRA ACOLLE A EXPOSICIÓN “O PRINCIPIÑO AO REDOR DO MUNDO. A COLECCIÓN DE CARLOS CASARES”

A sala de exposicións Luis Seoane do Concello de Catoira acolle na segunda quincena de abril a mostra “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”, coincidindo co 50 aniversario da primeira tradución ao galego realizada polo autor e coa celebración do Día do Libro o 23 de abril.

O Principiño, publicado en 1943, é a novela máis famosa do aviador francés Antoine de Saint-Exupéry. É un relato filosófico cunha enorme carga poética que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida, o amor, a morte ou as preocupacións da vida. Foi traducido a máis de 200 linguas e dialectos e leva vendido unha cifra superior aos 90 millóns de copias en todo o mundo.

A colección de principiños de Carlos Casares evidencia a paixón do escritor polo libro de Saint-Exupéry, que el mesmo traduciu ao noso idioma en 1972. A partir daquel momento foi mercando calquera edición que atopara nas súas viaxes polo mundo. Tamén os amigos, sabedores do seu gusto, o agasallaban con exemplares curiosos. Así, foi medrando unha colección que en vida do escritor superaba o centenar de volumes, en diferentes linguas e dialectos do mundo. A Fundación Carlos Casares ten como misión ofrecela para coñecemento público, como era vontade do escritor.

A colección recolle tamén edicións únicas ou raras de linguas minoritarias, algunhas de mediados dos 70, así como edicións especiais e outros obxectos do tradutor que explican o amor pola obra O principiño.

Con esta exposición a Fundación Carlos Casares e o Concello de Catoira contribúen na difusión da figura do escritor ourensán, do que se vén de conmemorar o 20º aniversario do seu pasamento.

ANUNCIO DE LICITACIÓN “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES”

Con data do 29 de marzo actual publícase no Perfil do Contratante da Plataforma de Contratación do Sector Público o Anuncio de Licitación correspondente á obra “REHABILITACIÓN DA ANTIGA CASA CONSISTORIAL PARA CASA DAS ARTES”.

ENLACE: https://catoira.sedelectronica.gal/?x=n7baWTLPELl8ovfzWGJLRA

O Prazo de presentación de ofertas é de VINTE (20) días hábiles contados a partires do da citada publicación, polo que rematará o vindeiro día VINTE E OITO (28) de abril de 2022. O que se fai público para xeral coñecemento.

CATOIRA: CHAVE E SELO TAMÉN NA XEOLOXÍA

Carlos Arce Chamorro e Juan Ramón Vidal Romaní, investigadores do Instituto Universitario de Xeoloxía, da Universidade da Coruña, son os autores dun estudo de recente publicación, dedicado á datación dos depósitos do Río Ulla no noso concello.

Os datos que achegan son froito do traballo de campo feito por Vidal Romaní e colabores en xuño de 2010, mais as investigacións da tese de doutoramento de Carlos Arce (dirixida polo propio Vidal Romaní).

Á luz dos resultados obtidos , afirman que os depósitos da Balastrera e das Lombas son moito máis antigos do que se pensaba ata o momento , cunha idade que vai desde os 180.000 anos nas partes mais baixas observadas, ata os 70.000 anos nas zonas mais superficiais.

Comparando as mostras estudadas en Catoira cos sedimentos e restos fósiles atopados noutros enclaves, os autores fan unha reconstrución de como sería a costa galega no penúltimo ciclo glaciar. A liña de praia quedaría 35 km mais lonxe, e o Umia
desembocaría no medio dunha ampla chaira continental.

Do mesmo xeito que As Torres do Oeste son peza imprescindible para coñecer as invasións normandas, os depósitos de Borreiros e As Lombas tamén o son para comprender as invasións do mar nos últimos 15.000 anos.

Cronología finipleistocena de los depósitos fluviales costeros en la desembocadura del Río Ulla en la Ría de Arousa (Galicia) mediante datación OSL

CATOIRA LEMBRA A CARLOS CASARES NO 20 ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO

Onte celebrouse no Edificio Multiusos unha charla na que se lembrou a figura de Carlos Casares, coincidindo co vixésimo aniversario da súa morte. O secretario da Fundación que leva o nome do autor, Gustavo Adolfo Garrido, foi o encargado de repasar a súa traxectoria como un dos máis destacados escritores do noso país, o seu traballo a prol da cultura galega, así como a súa vinculación con Suecia, de onde era natural a súa muller, Kristina Berg, e tamén a súa estreita relación con Catoira. Ao acto asistiron tamén Häkan Casares, fillo do escritor, o alcalde, Alberto García, e membros da corporación municipal.

O ALCALDE DE CATOIRA ASISTE EN MADRID A UN ENCONTRO SOBRE OS ITINERARIOS CULTURAIS DO CONSELLO DE EUROPA

O alcalde de Catoira, Alberto García, asistiu este martes, 18 de xaneiro, ao encontro “Itinerarios Culturales: fortalecimiento, consolidación, difusión y alianzas”, celebrado na sede do Ministerio de Cultura en Madrid.

Neste encontro de xestores e iniciativas en España participaron representantes de entidades e/ou asociacións xestoras de cada Itinerario Cultural no que ten presenza España, así como outros profesionais vinculados na materia, promovendo así a interacción, a colaboración e o coñecemento entre axentes implicados.

Dada a vinculación do Concello de Catoira co Itinerario Cultural Ruta dos Viquingos, o alcalde foi convidado a expoñer nesta xornada a experiencia deste municipio como membro da Destination Viking Association, así como sobre a súa participación no proxecto Follow the Vikings e a organización do roadshow que acolleu Catoira en agosto de 2018.

O obxectivo da reunión era xerar unha xornada de traballo conxunto onde se abordaron aspectos como a difusión e visibilidade dos Itinerarios Culturais no contexto español, a extensión de Itinerarios ao ámbito Iberoamericano, a promoción de alianzas ou a Rede de Universidades de Estudos de Itinerarios Culturais, entre outras temáticas, constituíndo así un espazo de debate e reflexión, un intercambio de experiencias e boas prácticas dentro do contexto nacional e incidindo na cooperación interinstitucional sobre o tema dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa.

Eladio Fernández-Galiano, asesor especial do Programa Itinerarios Culturais do Consello de Europa; Alberto García, alcalde de Catoira; Stefano Dominioni, secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa

A LINGUA GALEGA NA TRANSMISIÓN DA HISTORIA LOCAL DE CATOIRA

A veciñanza de Catoira pode coñecer desde hoxe o resultado do proxecto de investigación, recuperación e divulgación da historia do noso municipio impulsado polo goberno local. Na canle de YouTube do Concello pode verse xa un vídeo de presentación que recolle fragmentos dos testemuños de persoas protagonistas nos diversos eidos das actividades produtivas, culturais, sociais, comerciais, naturais, musicais e artísticas do concello. Posteriormente iranse subindo os vídeos íntegros das 23 entrevistas levadas a cabo. Nas gravacións tamén se recollen imaxes do notable fotógrafo Francisco Buceta Gómez, máis coñecido como “Pasarín”, que o Concello ten en propiedade, coa intención de darlle maior visibilidade.

A estas «historias de vida» das nosas veciñas e veciños poderá accederse tamén a través dos códigos QR que se colocarán en diferentes puntos do termo municipal e que servirán para poñer en valor a historia local de Catoira e como legado para as vindeiras xeracións.

O proxecto foi impulsado polo Concello de Catoira e contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra. A produción foi levada a cabo por Memoria Documental de Galicia S.L.

 

O PRESIDENTE DA DESTINATION VIKING ASSOCIATION ASISTE EN CATOIRA Á XORNADA “LOS VIKINGOS Y EL VINO EN GALICIA”

O Concello de Catoira acolleu o pasado mércores a xornada temática “Los vikingos y el vino en Galicia”, un evento que situou ao noso municipio no punto de encontro entre os itinerarios culturais europeos Camiños de Santiago e Ruta dos Vikingos.

A xornada comezou coa benvida do alcalde, Alberto García, seguida da presentación do libro “Los vikingos en Galicia”, de Eduardo Morales. A continuación interveu o presidente da Destination Viking Association (DVA) Ole Madsen, da que forma parte Catoira. Finalmente o catador Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, fixo unha presentación sobre a D.O. Rías Baixas rematando cunha cata de tres viños albariños. A xornada foi clausurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez.

Este evento supón o inicio dun proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Catoira o vindeiro ano, e que inclúe a celebración dun seminario que pretende seguir afianzando os vínculos entre os dous itinerarios culturais, así como un estudo para trazar unha ruta viquinga entre Catoira e Santiago de Compostela. O seminario levarase  a cabo durante a primeira semana de agosto de 2022, coincidindo coa celebración da  Romaría Vikinga e da Festa do Albariño, ambas celebracións recoñecidas como festas de Interese Turístico Internacional. Un dos obxectivos deste proxecto, que conta co apoio da Xunta de Galicia, é aproveitar as relacións entre estas rutas para promover a internacionalización das dúas celebracións.

Top