O Concello de Catoira vén de instalar novos recursos expositivos no Centro de Activación Cultural (CACTO) en presenza do alcalde Alberto García. Trátase dun panel informativo sobre a época visigoda, xunto cunha réplica dunha moeda acuñada en Catoira, e outro panel sobre o “signo rodado” que utilizaba o arcebispo Xelmírez para autenticar os seus documentos.
A finais do S.VI os visigodos expulsaron os suevos e converteron Galicia nunha provincia goda. Nesa etapa hai indicios da presenza dunha ceca en Catoira na que se puido acuñar moeda. Agora pode verse no CACTO a réplica dunha moeda de ouro da época do rei Witericus (603-609) que leva no reverse inscrita a palabra CATORA.
O panel sobre a firma de Xelmírez reproduce graficamente o característico “signo rodado” que utilizou o arcebispo desde 1115 como símbolo de autoridade nos seus documentos.
O director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, e o alcalde, Alberto García, presentaron esta mañá a montaxe, que estará no Auditorio de Catoira do 26 ao 29 de maio, con todas as funcións inclusivas.
Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a peza conta no elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado.
“Ás oito da tarde, cando morren as nais” estará no Auditorio de Catoira desde este xoves, cunha primeira función matutina destinada a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21,00 horas e o domingo, ás 19,00 horas. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de catro euros, con descontos para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes desde unha hora antes da función.
Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.
Segundo destacou Fran Núñez, está confirmada xa a asistencia de veciñanza dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados e Gondomar, ao abeiro do programa de mobilidade do CDG, que permite contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.
Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no Salón Teatro coma noutros espazos.
Pola súa parte, o alcalde, Alberto García, agradeceu a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira, apostando por fomentar o teatro e o acceso a grandes producións en concellos pequenos.
Estreada o pasado 15 de abril no Salón Teatro de Santiago, a produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”, iniciou o percorrido en Cee, viaxando logo a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e regresando a Galicia o 19 de maio con parada en Cedeira, onde permaneceu ata o 22. A xira chega agora ao Auditorio Municipal de Catoira, que acolle a montaxe do 26 ao 29, e finaliza no Teatro Principal da Estrada do 2 ao 5 de xuño.
O Auditorio Municipal de Catoira é un dos espazos elixidos polo Centro Dramático Galego para a xira da súa última produción “Ás oito da tarde, cando morren as nais”. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, poderá verse en Catoira entre os días 26 e 29 de maio.
A primeira función, o xoves 26, estará dirixida a alumnado de centros de ensino medio da contorna, co obxectivo de achegar a dramaturxia e o teatro contemporáneo galego aos máis novos.
Co fin de descentralizar a actividade do CDG e de chegar a unha maior cantidade de público, especialmente de localidades máis pequenas, por primeira vez o programa de mobilidade esténdese á xira e vai contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.
“Ás oito da tarde, cando morren as nais” leva á escena o texto da creadora escénica Avelina Pérez, galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.
A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quen asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.
Trala súa estrea o pasado 14 de abril, a montaxe permanecerá no Salón Teatro ata o 1 de maio, para logo iniciar a xira por catro localidades galegas e dúas de Portugal. O goberno local agradece a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira nesta xira.