O CONCELLO DE CATOIRA EDITA O LIBRO “LA HUELLA ROMANA EN CATOIRA”

O Concello de Catoira vén de editar a publicación “La huella romana en Catoira”, froito do traballo conxunto dos historiadores e arqueólogos Diego Piay Augusto e Juan L. Naveiro López.

Esta obra, que analiza a pegada romana en Catoira, partindo do estudo dos textos dos autores clásicos e dos materiais arqueolóxicos que se documentaron ata a actualidade, súmase a unha serie de iniciativas impulsadas polo goberno que dirixe Alberto García para fomentar o patrimonio cultural do municipio. Ás intervencións arqueolóxicas e publicacións editadas ata o de agora, engádese a apertura no ano 2021 do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) e dúas novas prospeccións no recinto das Torres e no xacemento de A Capela.

Piay e Naveiro afondan neste libro na investigación dos restos vencellados a Catoira, analizando o seu contexto de procedencia común: ánforas, lucernas e recipientes cerámicos que hoxe forman parte de coleccións privadas e museos de distintos puntos de Galicia.  O estudo destes materiais reflicte a importancia que o río Ulla tivo durante a Antigüidade como vía de transporte de mercadorías.

“La huella romana en Catoira” é xa un obra de referencia obrigada para estudar o pasado de Catoira e do noroeste hispánico na Idade Antiga. A publicación será editada tamén en galego e inglés e xa está dispoñible a versión en castelán nas principais librarías de Galicia e España.

Diego Piay, profesor de Historia Antigua na Universidad de Oviedo, leva máis de vinte anos estudando esta etapa histórica a través do seu traballo como arqueólogo en numerosos xacementos e da análise documental. Juan Naveiro conta tamén cunha dilatada experiencia como arqueólogo e docente, especializado en aspectos económicos do mundo romano provincial. En Catoira dirixiu a intervención arqueolóxica de 1989 nas Torres de Oeste, froito da cal publicou en 2004 o libro “Torres de Oeste. Monumento histórico e xacemento arqueolóxico”, editado tamén polo Concello de Catoira.

VISITA Á CASA DE ROSALÍA

ALBERTO GARCÍA GARCÍA, ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE CATOIRA (PONTEVEDRA) INFORMA:

Con motivo da celebración do Día do Libro, o Concello de Catoira organiza unha visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, para coñecer a vida e obra deste referente da cultura galega. A actividade inclúe o transporte e visita guiada ás instalacións, organizada en dúas quendas. A participación nesta actividade é gratuíta.

VISITA Á CASA DE ROSALÍA

– DATA: Venres 21 de abril de 2023.

– HORARIO: Saída de Catoira ás 16:45 h – regreso ás 19:30 h (marquesiña situada onda o Concello)

– REQUISITOS: Persoas empadroadas no concello de Catoira.

– INSCRICIÓN: De forma presencial, no departamento de Cultura do Concello, ou a través da sede electrónica presentando o formulario dispoñible no Taboleiro de Anuncios.

– Nº DE PRAZAS: 54 (as prazas cubriranse por orde de inscrición).

– PRAZO: Ata o 17 de abril de 2023, incluído.

Catoira, 20 de marzo de 2023

O ALCALDE-PRESIDENTE

Bando_Casa_Rosalia

INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN “ROMPE. XOGA EN IGUALDADE”

Esta mañá inaugurouse na sala Luis Seoane, do Concello de Catoira, a exposición “Rompe. Xoga en igualdade”, organizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra, no marco da conmemoración do 8 de marzo, día Internacional da Muller.

Ao acto asistiron as autoras da mostra, Isabel Blanco e Irene Silva, xunto ao alcalde, Alberto García, o concelleiro Javier César e a deputada provincial Noemí Outeda.

Pretende reivindicar a igualdade entre homes e mulleres e a concienciación social visualizando a posición de asimetría e discriminación da muller nas distintas sociedades, xerme da violencia machista. Trátase dunha exposición de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo precisando apenas un texto explicativo. As bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como a transmisión de valores.

As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos. Mostralas intervidas como mulleres obxecto e representando a realidade da desigualdade das mulleres na sociedade é considerado polas creadoras como un recurso didáctico, esclarecedor e reivindicativo.

A exposición pode visitarse desde hoxe ata o 27 de marzo en horario de 9 a 14,30 horas e de 16,30 a 19 horas, de luns a venres.

BANDO ENTROIDO 2023

Alberto García García, alcalde-presidente do Concello de Catoira (Pontevedra) informa que se convocan as bases para participar no entroido 2023

COMPARSAS:

  • REQUISITOS: As comparsas deberán estar integradas por un mínimo de 15 persoas, representadas por unha persoa maior de idade. Deberán representar a idea central do seu disfrace na Festa de Disfraces que terá lugar no Pavillón Municipal de Deportes despois do desfile polas rúas do municipio o domingo 19 de febreiro.
  • INCENTIVO: Establécese un incentivo de 200 euros para as dez primeiras comparsas que se inscriban e participen no desfile. O Concello resérvase o dereito a non outorgar o incentivo a aquelas comparsas que non reúnan un mínimo de calidade.
  • INSCRICIÓN: O formulario de inscrición deberá presentarse no Rexistro do Concello, presencialmente ou a través da sede electrónica, dende o 23 de xaneiro ao 15 de febreiro de 2023, ambos incluídos. O documento poderá descargarse da sede electrónica (sección Anuncios) e presentalo a través dunha instancia xenérica.

DESFILE DE DISFRACES INFANTIL:

Haberá obsequios para os rapaces/zas que acudan disfrazados/as e participen no desfile que se celebrará no Pavillón Municipal de Deportes (ata fin de existencias).

CONVOCATORIA:

Tódolos/as participantes deberán concentrarse na Alameda do Concello ás 17:30 horas do domingo 19 de febreiro. O desfile de comparsas e disfraces partirá deste punto e irá pola Rúa da Estación e Paseo das Lombas ata rematar no Pavillón Municipal de Deportes. En caso de chuvia o desfile comezará no Pavillón ás 18:00 horas.

Catoira, 13 de xaneiro de 2023

O ALCALDE-PRESIDENTE

Bases_Entroido (pdf)

PERCORRIDO DA VISITA DOS REIS MAGOS A CATOIRA

1 – Da Praia Fluvial á Igrexa de Santa Baia de Oeste.

Percorrido: Ás 17:00 da tarde saída do peirao da praia fluvial ata o paso elevado da vía do tren polo paseo de Xelmírez e dende alí ata a Igrexa de Santa Baia de Oeste pola EP-8702

 

2 – Da Igrexa de Santa Baia de Oeste á Igrexa de San Pedro de Dimo.

Percorrido: Comeza na EP-8702 e despois pola PO-548  ata chegar á rotonda do barco vikingo, depois seguirá pola EP-8001 ata a EP-8703 para rematar na Igrexa de San Pedro de Dimo.

 

3 – Da Igrexa de San Pedro de Dimo ata a Igrexa de San Mamede de Abalo

Percorrido: Percorrido inverso ata a Rotonda do barco vikingo e de alí pasará pola avenida da Ponte, Rúa do Concello, Avenida dos muíños de vento, Paseo mirador da ría, Estrada Igrexa e Aldea Cores ata a Igrexa de San Mamede de Abalo.

 

4 – Da Igrexa de San Mamede de Abalo ata o Concello de Catoira

Percorrido: Percorrido inverso ata o Concello e recepción dos Reis polo Alcalde.

 

 

5 – Do Concello de Catoira ata o Pavillón municipal.

Percorrido: Rúa do Concello, Rúa da estación, Travesía da estación, Paseo das Lombas, Travesía Corredoira As Lombas e chegada ao Pavillón Municipal de Catoira.

 

PERCORRIDO COMPLETO DA VISITA DOS REIS MAGOS A CATOIRA

PERCORRIDO COMPLETO DA VISITA DOS REIS MAGOS A CATOIRA

CATOIRA ENCHE AS SÚAS RÚAS DE ARTE ESTA FIN DE SEMANA

Cinco compañías procedentes de distintas comunidades autónomas traerán a Catoira os seus espectáculos esta fin de semana. Esta programación lévase a cabo ao abeiro do Proyecto Senda, unha iniciativa estatal para levar as artes de rúa ás poboacións de menos de cinco mil habitantes.

Trátase dun programa xestionado por PATEA (Artes de Calle Asociadas), en Galicia pola compañía Troula, que pretende desenvolver un circuíto de artes escénicas na rúa e achegalo a localidades rurais. Para iso contan co apoio do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) do Ministerio de Cultura e do propio Concello de Catoira.

En Catoira xuntaranse compañías de Valencia, Navarra, País Vasco e Extremadura traballando diferentes disciplinas de rúa: correfocs, danza vertical, teatro, instalacións, performances, etc.

 PROGRAMA:

Venres 16 decembro ás 19:00 h: Espectáculo pirotécnico itinerante “Cavaltheos”, de Produccions Scura. Trátase dun correfocs valenciano que partirá desde a Rúa da Estación ata a Alameda, acompañado de música.

Sábado 17 decembro

11 a 13:30 e 15:30 a 18 h: Xogos tradicionais “Larun”, da compañía Jokai. Instalación na Alameda de xogos populares, creativos, inclusivos, cooperativos e artesanais inspirados na mitoloxía vasca.

 

13 h: Danza vertical “Harria Herria”, de Harrobi Dantza Bertikala. Espectáculo de danza contemporánea vertical, na parede traseira do Auditorio.

17 h: Espectáculo “Mercachifles”, de Teatrapo Producciones. Espectáculo na Alameda que combina teatro, clown e música.

18:30 h: Performance “Él/La”, de Teatro Pho. Espectáculo multimedia, performático e interdisciplinar (audiovisual, teatro, performance) sobre a igualdade de xénero baseado nun documental rodado coa xente de Catoira.

NOVA CANLE DE DIFUSIÓN DE NOVAS DO CONCELLO DE CATOIRA EN WHATSAPP

O novo servizo municipal de información e avisos por whatsapp comezará a funcionar o luns 14 de novembro de 2022. O usuario só deberá solicitar a alta e gardar o contacto do servizo no seu teléfono móbil.
As persoas que desexen darse de alta neste servizo gratuíto tan só terán que enviar unha mensaxe de whatsapp ao número +34 680 52 17 94 coa palabra ALTA. A fin de recibir correctamente as notificacións, debe gardar o número de teléfono do servizo nos seus contactos.
Con este servizo, que ven a complementar outros como os perfís en redes sociais ou a páxina web municipal ábrese unha nova canle de comunicación coa veciñanza para mantela informada do que acontece no Concello.

 

O DEPUTADO PROVINCIAL, GREGORIO AGÍS, E O ALCALDE DE CATOIRA, ALBERTO GARCÍA VISITARON A FUTURA CASA DAS ARTES E O CACTO.

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Catoira presentaron así un proxecto que conta cun orzamento de 449.248 euros financiados integramente pola institución provincial, que aporta 381.861 euros co Plan ReacPon e xa concedeu a Catoira os 67.397 euros restantes a través do Plan Concellos.

Esta actuación permitirá aglutinar nun só edificio as diferentes escolas municipais (pandeireta, gaita, artes plásticas ou teatro, entre outras) que na actualidade están dispersas por varios locais. Ademais, o inmoble acollerá a radio municipal.

A Casa das Artes será un espazo integrador da vida cultural do Concello. Está concibida como un lugar totalmente accesible, sen barreiras arquitectónicas, e que se dotará de ramplas e dun ascensor. Contará con varias zonas diferenciadas como un espazo aberto destinado a zona de estudo e uso de tecnoloxías ou un grande salón polivalente, onde se poderán levar as actividades das escolas, que disporá dun tabique móbil para gañar en flexibilidade de usos delimitando os espazos interiores en función das necesidades que existan en cada momento. A sostibilidade foi unha das premisas que estivo en todo o momento sobre a mesa cando se formulou este proxecto, que segue a liña dos obxectivos do Plan ReacPon da Deputación. Neste senso, a antiga casa consistorial converterase nun lugar «descarbonizado» cunha envolvente térmica óptima, máquinas de climatización e produción de auga quente sanitaria e paneis fotovoltaicos que reducirán a dependencia enerxética das instalacións. Na mesma liña melloraranse os illamentos térmicos para optimizar o consumo de enerxía e apostarase sistemas renovables, paneis acústicos e sistemas e materiais que garantan as condicións de hixiene, saúde e protección do medio ambiente.

Tras este acto visitouse o CACTO cuxo contido foi unha inversión do plan rehabilita da Deputación que supuxo unha inversión de 400.000€

Catoira presumirá de gastronomía local o próximo 18 de agosto co evento “saborEarte”

A terraza da Casa do Concello será escenario dunha mostra de cociña con degustación como parte das actividades de ‘saborEarte’. O proxecto, integrado no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, busca a promoción do Camiño
desde o punto de vista gastronómico.

As persoas interesadas en participar neste evento gratuíto deberán inscribirse por teléfono ou correo electrónico.

O xoves 18 de agosto, Catoira ten unha cita co mellor da súa gastronomía no evento gratuíto ‘saborEarte’. Será a partir das
19:00h cando a terraza da Casa do Concello albergue un showcooking con degustación baseado nos produtos de proximidade do municipio. A iniciativa, promovida polo programa Ou Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e liderada polo cociñeiro Miguel Mosteiro, busca poñer en valor as gastronomías do Camiño como recurso de alto valor turístico. O acto servirá tamén para inaugurar a terraza do edificio consistorial, recentemente acondicionada para acoller actividades municipais.
Na súa segunda edición, o proxecto ‘saborEarte’ quere continuar destacando o potencial turístico da cociña de proximidade dos distintos roteiros do Camiño. Para iso servirase de eventos gastronómicos nos que os participantes terán a oportunidade de asistir a un showcooking baseado en produtos quilómetro cero e degustar as diferentes propostas elaboradas en directo polo cociñeiro Miguel Mosteiro.

Ademais de presentar algúns dos produtos máis destacados da zona e sinalar o seu potencial para a promoción local, os eventos ‘saborEarte’ abordan outras cuestións estreitamente ligadas á cociña de proximidade como a ecoloxía e o desenvolvemento
sostible.

Cada xornada contará tamén cun pequeno taller de fotografía gastronómica, a cargo do fotógrafo Adolfo Enríquez. A súa misión será mostrar aos asistentes como sacar o maior partido ás instantáneas de pratos e produtos, multiplicando o seu atractivo e potencial como reclamo turístico. As imaxes resultantes empregaranse para deseñar unha mostra itinerante que volverá aos concellos participantes no mes de setembro.

A de Catoira será a segunda das cinco citas que, ao longo do mes de agosto, percorrerán municipios integrados no Roteiro do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño Francés, Camiño Inglés e Camiño de Inverno.

A participación na actividade é totalmente gratuíta, con prazas limitadas para 30 persoas. A inscrición para o evento deste xoves xa pode realizarse a través do teléfono 986546014 (departamento de cultura) ou do correo electrónico concello.catoira@eidolocal.es (indicando no asunto “inscripción saborEarte”)

A ROMARÍA VIKINGA VOLVE Á NORMALIDADE BATENDO RÉCORD DE PÚBLICO

Aínda que a Romaría Vikinga estivo presente estes dous últimos anos de pandemia, foi nesta 62 edición cando se recuperou a normalidade, e superando todas as expectativas.
 
O alcalde, Alberto García, destaca que non se rexistrou ningunha incidencia que puidese alterar o desenvolvemento das distintas actividades programadas e cualifica de rotundo éxito a organización e o público que se rexistrou nestes días. Nos concertos do Vikinsons congregáronse unhas 6000 persoas cada día, e o Desembarco rexistrou a maior afluencia de público da historia de festa. Nesta semana estímase que se achegaron a Catoira máis de 130.000 persoas.
 
O Goberno local agradece a implicación das distintas institucións e entidades colaboradoras, así como do persoal do Concello, dos voluntarios, das/os veciñas/os de Catoira participantes, e da cidadanía en xeral, que soubo gozar desta magnífica festa con responsabilidade.
Top