O Concello de Catoira volverá estar en Culturgal Feira das Culturas Galegas por segundo ano consecutivo. E farao, esta fin de semana, cun punto de información e divulgación que duplicará o espazo da pasado edición para poñer en valor a creatividade de artistas locais e ser escaparate da actividade cultural municipal.
Unha das novidades será a exposición dun panel coa réplica dunha moeda medieval atopada no xacemento das Torres e que será incorporado aos contidos do CACTO.
O stand será dinamizado durante a fin de semana con dramatizacións e recreación de escenas viquingas, con personaxes que irán ataviados con vestiario confeccionado por Bety Busto.
O venres 29 ás 19 h no ESPAZO ARTE haberá un desfile de 6 traxes viquingos con encaixe e Camariñas, con intervencións da ceramista Mar Barral. O desfile está dirixido por Tero Rodríguez, directora da Escola Municipal de Teatro de Catoira e nel participará alumnado da Escola.
O sábado 30 ás 16 h no ESPAZO ARTE terá lugar unha charla divulgativa sobre a arte rupestre, na que se darán a coñecer novos petróglifos localizados en Catoira. Cristina Conde Escaloni, estudosa e divulgadora do patrimonio local do noso municipio, será a encargada desta presentación.
O domingo 1, ás 17:30 na AULA desenvolverá un obradoiro infantil de restauración Ana González, restauradora de bens culturais e guía no CACTO.