PUBLÍCANSE AS BASES PARA SOLICITAR POSTOS NOS MERCADOS DA ROMARÍA VIKINGA

Xoves, 11 de xullo 2024

O Concello informa que se abre o prazo para solicitar postos nos mercados da Romaría Vikinga.

Na sección ANUNCIOS da sede electrónica poden consultarse as bases reguladoras e descargarse o formulario de solicitude do espazo Torres de Oeste.

https://catoira.sedelectronica.gal/board/

 

APERTURA DE INSCRICIÓNS PARA PARTICIPAR COMO TRIPULACIÓN DO DESEMBARCO, TROPA DE TERRA E DESEMBARCO VIKINGUINHO

Martes, 9 de xullo 2024

O Concello informa que mañá, mércores 10 de xullo, ábrese o prazo de inscrición para participar:

  • Como tripulación dos drakkars no Desembarco Vikingo.
  • Como tropa de terra na dramatización do Desembarco.
  • Como tripulación no Desembarco Vikinguinho.

Na sección Anuncios da sede electrónica poden consultarse os bandos informativos e descargarse os formularios de inscrición.

https://catoira.sedelectronica.gal/board/

O formulario para solicitar a participación como tropa de terra pode ser utilizado para inscribir un/unha adulta/a e/ou a menores. Para todas as incricións, deberá achegarse fotocopia do DNI de todas as persoas que consten na solicitude, polo menos das/os adultas/os.

 

PRESENTACIÓN DA PROGRAMACIÓN DA ROMARÍA VIKINGA

Luns 1 de xullo 2024

A Romaría Vikinga de Catoira vén este ano cargada de novidades. O centro da vila estará cheo de actividades e acollerá todos os concertos musicais e unha feira medieval con postos de artesanía. Ademais, haberá non só un desembarco vikingo, se non dous, coa incorporación o luns 5 de agosto dunha nova ‘invasión’ nórdica especialmente organizada para nenas e nenos.

A edición LXIV da Romaría foi presentada o venres oficialmente da man do alcalde Xoán Castaño, o concelleiro de Cultura Raúl Gómez e a terceira tenente de alcalde Vanesa Pérez, xunto a representantes de parte das institucións e as empresas patrocinadoras (Xunta, Estrella Galicia e Abanca) acompañados de personaxes caracterizadas de vikingas no CACTO, nas inmediacións do espazo das Torres do Oeste.

A programación presentouse por parte do goberno local como de “gran calidade e moi variada en actividades”, así como extensa no tempo, xa que terá o programa máis longo dos últimos anos, con eventos dende o sábado 27 de xullo ata o 5 de agosto.

O concelleiro responsable da organización, Raúl Gómez, destacou que a edición deste 2024 é a primeira Vikinga organizada ao cento por cento polo actual goberno local, cun cambio total na concepción e nas características da festa para potenciala e facer que a vila a sinta máis de preto: “Queremos darlle entidade ao centro da vila, que non todo xire arredor da zona do desembarco, e que a veciñanza poida sentir a festa vikinga no día a día e de maneira moi directa”, destaca Gómez.

Con este obxectivo, apuntou, tomouse a decisión de trasladar ao núcleo urbano dous dos concertos dos tres días do festival ‘VikingMusic’ -o novo nome que terá o conxunto das actuacións do venres 2 ao domingo 4 de agosto-. Así, os bolos que antes tiñan lugar na Alameda do Peirao, nas inmediacións da zona do desembarco, agora realizaranse na Avenida da Ponte, ao lado do Concello, para o que se cortará a rúa ao tráfico, e o de Xabier Díaz no recinto das propias Torres. Tamén se instalará na Avenida da ponte e na Rúa Estación a feira medieval con casetas e postos de artesanía engalanados tematicamente para a ocasión aberta ao público na fin de semana central.

A outra gran novidade é que a programación incluirá un desembarco especialmente organizado para nenas e nenos de ata 12 anos: o ‘Desembarco Vikinguinho’, que terá lugar o luns 5 de agosto, aproveitando que é festivo local. Neste desembarco poderá participar toda a rapazada que teña cabida nos drakkars e que se apunte previamente no Concello, tendo preferencia as nenas e nenos empadroados en Catoira. Nos vindeiros días daranse as indicacións para poder reservar as prazas.

Acompañados das persoas adultas, as e os menores subirán ás embarcacións, darán un paseo pola desembocadura do Ulla e volverán a terra tendo protagonizado a súa “iniciación vikinga”. O desembarco, sen embargo, non será lanzándose á ribeira como no caso das persoas adultas, senón que para maior seguridade as participantes baixarán no peirao de maneira ordenada.

 

Teatro, xantar e desembarco

Raúl Gómez amosouse convencido de que as novidades terán moi boa acollida entre o público asistente e potenciarán e dinamizarán aínda máis a actividade económica en Catoira. Explicou que a programación incluirá máis cambios e novas actividades, tales como a celebración de novos eventos deportivos organizados para a ocasión, exposicións e outras iniciativas culturais que se estenderán dende o 27 de xullo ao 5 de agosto, e que se irán dando a coñecer de maneira pormenorizada nos vindeiros días.

Entre os actos centrais haberá pezas de teatro para dar a coñecer a vida e o contexto da chegada vikinga, baixo o nome de ‘Vikingdrama’. Haberá tres pases da peza dramática, o mércores 31 de xullo e os xoves 1 e venres 2 no espazo das Torres. A sesión deste ano, advertiu Gómez, promete moitas novidades na concepción e no contido.

O pregón lerase o venres 2 ás 20.30 e o sábado 3 ás dúas da tarde terá lugar o ‘Xantar Vikingo’, tamén no espazo das Torres, que terá un menú de 25 euros por cabeza (bebida aparte), para o que se poderán mercar entradas a través de ATaquilla. O requirimento principal será que as persoas deberán estar caracterizadas como vikingas ou medievais da zona.

O día forte, o domingo 4 de agosto, terá lugar o ansiado desembarco. A mañá comezará coa actuación dos grupos folclóricos (10h) e o espectáculo de Troula (11.45h), para despois ás 13 horas –aproximadamente- asistir ao desembarco. Este, como é habitual, está organizado coa colaboración do Ateneo vikingo, e representará a invasión das terras galegas por parte de tres drakkar con 60 vikingos e vikingas saltando á auga. Haberá unha representación dunha batalla na que participarán outros 100 guerreiros, guerreiras locais en terra. “Vai ser moi vistoso, dramatizando coa xente defendendo as Torres, unha demanda da veciñanza nos últimos anos”, explica Gómez, quen destaca o traballo das e dos integrantes da Escola Municipal de Teatro de Catoira.

Mención especial fixo o concelleiro para a programación infantil da denominada ‘Vikinguinha’, que este ano comezará con actividades o martes 30 de xullo ata o seu día grande o luns 5 de xuño, co anunciado desembarco infantil, xogos e música.

VikingMusic

Outra das novidades desta LXIV edición da Romaría Vikinga será a unión de todas as actuacións musicais do venres 2, sábado 3 e domingo 4 nunha única denominación: o ‘VikingMusic’. Para o concelleiro Raúl Gómez, era imprescindible reunir baixo o mesmo paraugas todos os concertos e dar ás tres xornadas a mesma transcendencia.

Explicou que á hora de seleccionar os grupos houbo dous obxectivos claros: dar entrada a grupos locais de Catoira e tamén potenciar a música galega e en galego. Segundo subliñou o edil nacionalista, o resultado é un festival moi completo, non excluínte con outro tipo de músicas, pero cunha clara liña de apostar pola cultura propia do país. “Hai nomes e figuras moi relevantes e de gran tirón nestes momentos que sabemos van ter un efecto chamada importante”, subliñou.

A programación dos concertos comezará o venres (21 horas) coa actuación de Xabier Díaz, músico de grande prestixio moi vencellado aos instrumentos de percusión de man, sobre todo da pandeireta, o seu principal sinal de identidade.

O sábado 3 (22 horas) a música chegará da man do grupo Malabesta, unha formación de raigame celta, pero tamén con influencias do bluegrass, rockabilly, folk, punk, blues ou hillbilly, que promete facer mover a todas as persoas que asistan á súa sesión. Rebelión do Inframundo será outra das bandas da xornada, caracterizada por un rap combativo en galego con orixe en Ponteareas e que recibiu en 2022 o Premio Martín Códax da Música. Tamén estará presente o grupo local Copa Turbo, que xa ten participado en numerosos festivais cun directo espectacular.

Fillas de Cassandra, un dos grupos que máis en boga está nestes momentos, mesturando a música de tradicional oral con sons modernos, proporá case un espectáculo teatral feminista na súa interpretación á voz e piano, e será un magnífico evento para a xornada que será pechada co espléndido grupo local Copa Turbo.

Xa o domingo o ‘VikingMusic’ terá espazo para ‘Mel’ e ‘Músculo’, dúas formacións de Catoira con moita proxección, ás que se sumarán ‘Caamaño&Ameixeiras’, un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz que conseguiu o premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, tamén o 1º premio no Folkez Blai 2021 (Ermua, País Vasco), e o premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021.

Finalmente, tamén estarán as hipercoñecidas ‘De Vacas’ co seu espectáculo ‘Rebovina Divas Live’ que é unha homenaxe ás divas do pop como Whitney Houston, Celine Dion ou Beyoncé, con letras de colleita propia e grande personalidade que destilan compromiso co feminismo, o ecoloxismo, a poesía “e o cunilingüismo”, aseguran.

Custe cero

O concelleiro de Cultura subliñou o traballo realizado polo goberno local para acadar unha programación para a Romaría Vikinga de tanta calidade como a presentada. Agradeceu a colaboración de todas as institucións patrocinadoras, tanto públicas como privadas, para que poida facerse a Romaría “a custe cero” para o Concello.

“A Romaría Vikinga ten moita proxección e nós agradecemos inmensamente a axuda para levala adiante, pero estamos tamén seguros de que vencellar o nome de todas estas marcas ao noso concello, á nosa festa, e ao noso desembarco, declarados de Interese Turístico Internacional, supón un plus de calidade e promoción para todas elas”, destacou Gómez.

Por parte da Xunta estiveron na presentación o director da Axencia de Turismo de Galicia Xosé Merelles, a xefa da xerencia de Estrella Galicia, Goretti Castro, ademais da directora da oficina de Abanca en Catoira, entre outras autoridades e persoas convidadas. Escusaron a súa ausencia na presentación da Romaría as representantes do goberno provincial por coincidir o acto coa celebración dun Pleno da Corporación, e de ‘IGG’ e Vegalsa, que transmitiron de maneira directa o seu entusiasmo por estar involucrados na Romaría.

O concelleiro de cultura aproveitou a ocasión para, en inglés, enviar un saúdo cordial aos máis de dez millóns de gamers do xogo patrocinador da Romaría, Viking Rise, e a todo o equipo de IGG Corporation e de paso invitalos a vir a Catoira e gozar da Romaria que “a partir de xa é tamén a vosa festa”, afirmou.

 

Top