A Romaría Vikinga de Catoira terá este ano custe cero para as arcas do Concello. O goberno local conseguiu xestionar patrocinios, axudas públicas e novas vías de financiamento para pagar a totalidade desta edición, a número 64, cun investimento que roldará os 130.000 euros.
A pesares da contención no gasto, o concelleiro de Cultura, Raúl Gómez, destaca que a calidade da programación está “máis que garantida”. Explicou que xa están definidos os grandes concertos dos diferentes días da festa, que chegarán á decena, e que se presentarán en breve. Tamén haberá animación de rúa con músicos locais e doutras localidades galegas e moitas sorpresas e innovacións con respecto a pasadas edicións.