🟣 ELAS De 8 A 8
Baixo este lema, o Concello de Catoira quere situar o traballo en prol da igualdade de xénero nun eixe transversal que arranque este 8 de marzo, e que, impulsado pola Concellaría de Igualdade, implique as distintas áreas, dende a cultura ata o urbanismo, durante todo o ano.
▪️ Co obxectivo de rescatar as mulleres da historia de Catoira, que contribuíron nalgún eido á mellora da vida da comunidade, ó longo deste mes de marzo vaise traballar coas persoas usuarias do Programa de Envellecemento Activo a figura das parteiras. Lembraremos as mulleres que desenvolveron este importantísimo labor durante décadas e recolleremos a información que as/os usuarios poidan achegar.
▪️ Tamén queremos poñer en valor a todas as mulleres de Catoira que na actualidade están presentes nas distintas disciplinas, e que coa súa creatividade e traballo poidan converterse en referentes para as máis novas. Comezaremos na Biblioteca Municipal, achegando á cidadanía a obra de Anxos Sumai, a nosa recoñecida escritora. A selección da súa obra estará acompañada doutros títulos relacionados coa igualdade e o feminismo.
▪️ Estes días, o alumnado do servizo Alborexar e as/os usuarias/os do Cemuma están a elaborar murais con mensaxes e imaxes que reivindican a igualdade, e que estará exposto ata finais de marzo na sala de exposicións Luis Seoane do Edificio Multiusos. Nesta sala aínda pode visitarse, ata o vindeiro martes, a exposición “Mulleres Matemáticas”, cedida pola Universidade de Vigo.
O Concello tamén quere destacar e apoia o traballo e a programación que realiza a asociación Feministas de Catoira, e desde o Goberno Local animamos a toda a veciñanza a participar das actividades organizadas por esta entidade.
Top