O Auditorio de Catoira acolleu este mércores 6 de marzo un encontro entre empresarios da área do Baixo Ulla e as persoas beneficiarias/os do Programa Integrado de Emprego (PIE) dos municipios de Catoira, Valga, Pontecesures, Padrón, Rois e Dodro.
Nesta sesión estiveron presentes o alcaldes de Catoira, Xoán Castaño, e Dodro, Francisco Xabier Castro, xunto a representantes das empresas Finsa, Astilleros del Ulla, Ana Muñiz, Friscos, Stac e Fesba. Nas súas respectivas intervencións, explicaron en que consiste a actividade que desenvolve cada empresa, así como o perfil profesional que buscan e as estratexias que seguen nos procesos de selección.
Esta xornada forma parte dun conxunto de accións para facilitar a inserción no mercado laboral do centenar de persoas que participan no PIE, cofinanciado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e fondos finalistas do Servicio Público de Empleo Estatal. Este programa céntrase, especialmente, nos sectores da loxística e comercio, hostalaría e turismo, industrias alimentarias, metalurxia, téxtil, servizos comunitarios e agrario e forestal.
Top