O Concello de Catoira convoca a toda a veciñanza a unha reunión informativa sobre o colector marrón de residuos que terá lugar o vindeiro martes 28 de novembro ás 18:30 horas na sala Celso Emilio Ferreiro (Edificio Multiusos).

A posta en marcha do contedor marrón permitirá recoller de forma diferenciada a materia orgánica, para posteriormente transformala en compost. Para que este sistema de reciclaxe sexa efectivo é moi importante a colaboración cidadá. Por este motivo, persoal técnico de SOGAMA informará sobre como utilizar correctamente este colector e as vantaxes que o seu uso ten para todas/os.

Paralelamente, o Goberno local está a enviar cartas aos establecementos comerciais que máis residuos orgánicos xeran para informar sobre a posta en marcha deste servizo e a convocatoria da sesión informativa. Así, remitíronse comunicacións a todos os establecementos hoteleiros, hostaleiros, supermercados, froitarías e carnizarías.

Top