Esta mañá iniciouse o programa Concilia Verán no Concello de Catoira. Un total de 138 nenas e nenos foron inscritos neste servizo de conciliación da vida laboral e familiar, que se presta en horario de 8:30 a 14:00 horas.
A posta en marcha desta iniciativa, prevista para o 1 de xullo, tivo que retrasarse unha semana, causando malestar entre as familias, por iso o Goberno municipal quere aclarar os motivos desta dilación. Son dúas as razóns: unha relativa ao proceso de contratación do persoal e outra que ten que ver coas obras de reforma no Pavillón Municipal de Deportes.
O Goberno anterior tiña previsto contratar o persoal de forma indirecta a través dunha empresa de servizos, limitada a 4 monitoras/es e con contratos de luns a venres nos meses de xullo e agosto. O Goberno dirixido por Xoán Castaño decidiu cambiar este modelo e realizar unha contratación directa do persoal, polo período completo de dous meses, incrementando o salario e aumentando o número de monitores de 4 a 6 persoas. Desta maneira tamén se puido ampliar o número de prazas, ofrecendo a todas as familias de Catoira solicitantes a oportunidade de usar o servizo. Todas estas melloras conseguíronse a cambio do beneficio que levaría a empresa e sen incrementar o custo do programa.
Por outra banda, as obras de reforma no Pavillón Municipal de Deportes -instalacións necesarias para o desenvolvemento das actividades deportivas- aínda non están rematadas. O Goberno tivo que buscar espazos alternativos para estas actividades ata que finalicen as obras, previsiblemente a próxima semana.
O equipo de Goberno é moi consciente da importancia que ten este servizo e dos prexuízos que este retraso puido causar ás familias, por iso pide desculpas encarecidamente. Como consecuencia, ademais, vaise ampliar o programa ata o día 7 de setembro, cubrindo así case todo o período non lectivo deste mes, o que non estaba previsto inicialmente.