O Concello de Catoira resultou beneficiario do proxecto “Primeira experiencia profesional” da Deputación de Pontevedra, o que permitirá contratar dúas persoas por un período máximo dun ano a tempo completo.
O Concello vai proceder a solicitar á oficina de emprego de Vilagarcía de Arousa candidatas/os que posúan as titulacións de ciclo superior de formación profesional ou licenciatura/grao/diplomatura obtida nos últimos tres anos, ou cinco no caso de persoas con discapacidade. As persoas candidatas deben de carecer de experiencia profesional no posto ao que optan. Unha vez que sexan convocadas/os deberán presentar no Concello os méritos alegados para concorrer ás prazas e os aspirantes serán seleccionados de acordo cun baremo establecido por un tribunal do Concello.
A subvención da Deputación para estas contratacións ascende a un total de 31.200 euros.