O Concello de Catoira procede á licitación do Complexo Deportivo de Catoira, en Oeste.

As pistas descubertas de tenis foron construídas hai 30 anos. Tras décadas de uso, na actualidade é o Pavillón Municipal de Deportes o espazo habilitado para a práctica do tenis, pero este recinto é utilizado por numerosos colectivos e a demanda de uso supera a dispoñibilidade. Por outra parte, hai unha pista de pádel que rexistra tamén unha elevada demanda cando a climatoloxía é favorable. Por estes motivos, o alcalde propuxo a construción dunhas novas instalacións formadas por unha pista de tenis e dúas de pádel cubertas por unha estrutura lixeira. Esta cuberta permitirá protexer as pistas da chuvia, do vento e do sol, mantendo unhas condicións de iluminación natural axeitadas.

Ademais das pistas deportivas, construirase un bloque de planta baixa, destinado a vestiarios e outros servizos. Estas instalacións sitúanse nunha parcela de case 8.000 m2, moi ben situada e comunicada, nunha contorna natural que se respecta e se protexe, e que contempla a posibilidade de acometer outras actuacións futuras.

O orzamento deste proxecto ascende a 401.374,56 euros, dos cales 321.099,65 euros, correspondentes ao 80% do total, serían financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030. A achega do Concello será de 80.000 euros.

Top