O alcalde de Catoira, Alberto García, procede á licitación do proxecto de modernización e xestión sustentable do Auditorio de Catoira, que permitirá a instalación de iluminación LED e un falso teito no escenario.

O sistema de iluminación instalado no Auditorio é halóxeno, unha tecnoloxía que implica un consumo de electricidade moi elevado, e tamén unha menor vida útil das lámpadas, que se funden con facilidade. O Concello é consciente da necesidade de mellorar a eficiencia enerxética das instalacións municipais co fin de favorecer a sustentabilidade ambiental, económica e social. Por este motivo decidiu modernizar o sistema de iluminación do Auditorio Municipal e substituír os proxectores halóxenos por outros de tecnoloxía LED así como o conxunto de cable mediante unha instalación de sinal de DMX.

Por outra banda, vaise mellorar o illamento do escenario. Este espazo só está separado do exterior mediante a chapa metálica que forma a cuberta. Coa finalidade de mellorar as condicións de control da demanda enerxética do auditorio, proxéctase a instalación dun falso teito no espazo do escenario, completando a envolvente térmica do conxunto.

O orzamento deste proxecto ascende a 49.137 euros, dos cales 34.396 euros, correspondentes ao 70% do total, serán financiados pola Axencia Galega das Industrias Culturais. A achega do Concello será de 14.741 euros.

Top