O Concello de Catoira está a traballar no desenvolvemento dunha aplicación para dispositivos móbiles que recollerá os contidos relacionados co xacemento das Torres de Oeste e os expostos no Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO).

A aplicación permitirá aos visitantes realizar o percorrido polo recinto monumental e ao CACTO de xeito completamente autónomo. Ao mesmo tempo permite avanzar na integración de persoas con discapacidade, ao adaptarse a visita para aquelas con discapacidade visual a través das audioguías. A app será especialmente útil para aquelas persoas que desexan visitar o xacemento arqueolóxico nos horarios ou períodos nos que o CACTO ou a oficina de turismo permanecen pechados ao público.

Esta ferramenta pretende conseguir os seguintes obxectivos:

  1. Potenciar os atractivos turísticos de Catoira e de Galicia a través do emprego de recursos tecnolóxicos.
  2. Fomentar o coñecemento de Catoira a través do estudo da súa historia e da súa cultura material.
  3. Ofrecer aos visitantes unha ferramenta que facilite e complete a visita ao recinto monumental Torres de Oeste e ao CACTO.
  4. Facilitar a accesibilidade e a sinalización deste recurso patrimonial e turístico.
  5. Potenciar o espazo litoral de Catoira e os seus recursos como motores de dinamización turística e social da zona.

Trátase dunha aplicación multidispositivo e multiplataforma, isto é, unha App para dispositivos móbiles (teléfonos e tablets) compatible con plataformas de iOS e Android realizando a súa distribución a través da APP Store e de Google Play de xeito gratuíto.  A APP contará cun deseño innovador, e estará dispoñible en tres idiomas (galego, castelán, inglés) para ofrecer informacións de interese sobre as Torres de Oeste e o CACTO. Tamén se incluirán informacións prácticas e as relativas a outros lugares de interese do municipio.

O orzamento deste proxecto ascende a 14.883 euros.

Esta actuación está subvencionada no marco do Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU.

Top