Na mañá do pasado venres quedou inaugurada a exposición de fotografías “FOTONATUREZA” na sala Luis Seoane do Edificio Multiusos de Catoira. Ao acto asistiron o autor das fotografías, Ramón Encisa, o alcalde, Alberto García e o tenente alcalde Javier César.
Alberto García eloxiou o traballo do vilagarcián Ramón Encisa, e destacou, da mesma forma que o autor, a necesidade de de dar a coñecer ás novas xeracións a ampla variedade de especies que nos rodean e transmitir o valor de cada unha delas no equilibrio do ecosistema.
García aproveitou este encontro para lembrar a Manuel Encisa, pai do autor, a quen considerou como un fillo adoptivo de Catoira, posto que desenvolveu a súa traxectoria profesional neste municipio como xefe do departamento de Contabilidade da empresa Cedonosa, onde tamén traballou o alcalde. “Pode dicirse que fun o seu alumno”, afirmou.
A EXPOSICIÓN:
A natureza e a fotografía son dúas das grandes paixóns de Ramón Encisa. A súa curiosidade pola fauna, especialmente polos paxaros da nosa contorna, acompáñao desde ben pequeno, cando observaba atentamente as aves e intentaba lembrar os seus cantos.
O que comezou como unha afección hai máis de 40 anos converteuse nun arduo, extenso e moi valioso traballo de documentación fotográfica de aves, insectos, orquídeas ou fungos de boa parte da xeografía galega.
Membro do colectivo micolóxico A Cantarela, comezou precisamente neste eido a súa afección á fotografía da natureza da man do recoñecido botánico Enrique Valdés Bermejo.
A súa capacidade para destacar e transmitir a singular beleza das distas especies naturais que nos rodean -nas que cada vez reparamos menos- fíxoo merecedor dunha vintena de premios en concursos de fotografía micolóxica a nivel nacional e internacional.
O seu empeño en dar a coñecer, sobre todo ás xeracións máis novas, os tesouros naturais da nosa contorna, e en concienciar sobre a necesidade de protexelos, reflíctese nun constante traballo de divulgación, a través de charlas en centros educativos e concellos de toda Galicia. Con esta mostra en Catoira pretende continuar con este labor, animando á cidadanía a manter un maior contacto, de forma respectuosa, coa natureza.