Esta mañá quedou inaugurada a mostra “Kristina Berg. Unha moza viquinga” na sala do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) que leva o seu nome. Ao acto asistiron o comisario da mostra, Gustavo A. Garrido, o administrador da fundación, Håkan Olof Casares, o alcalde de Catoira, Alberto García e o tenente alcalde Javier César.

O fillo de Casares mostrouse moi emocionado e agradecido por unha iniciativa que pon en valor a figura da súa nai, unha muller que tamén tivo unha importante vocación intelectual pero que “foi quen de comprender a dedicación que precisaba Carlos Casares para desenvolver a súa traxectoria literaria e xornalística”. O alcalde tamén destacou a estreita relación que mantivo coa familia Casares, vínculo que comezou hai máis de tres décadas.

A EXPOSICIÓN:

O ano pasado, 2022, cumpríase o décimo cabodano do falecemento de Kristina Berg, viúva de Carlos Casares e primeira presidenta da fundación que vela pola súa memoria. Contra o final do ano, o Concello de Catoira decidiu dar o nome de Kristina Berg á sala de exposicións temporais do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste, o CACTO. E non vemos outro espazo mellor que este, onde Galicia conecta con Escandinavia, para recibir a primeira exposición que se fai sobre ela.

As vinte fotografías que se expoñen son unha primeira achega á súa figura, e en absoluto esgotan o proxecto en marcha de crear unha gran exposición sobre a vida de Kristina Berg Casares. Ao contrario, non pasan de ser o seu primeiro chanzo. A maior parte das fotografías que o visitante pode ver foron tomadas por Carlos Casares, polos seus fillos, e polos familiares de Kristina Berg. Outras, por fotógrafos profesionais ou amadores anónimos, e pretenden ser un tributo a unha moza viquinga que dedicou a Galicia dous terzos da súa vida.

Top