A sala Kristina Berg do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) acollerá a exposición fotográfica: “Kristina Berg – Unha moza viquinga” do 10 de maio ao 11 de xuño.
A EXPOSICIÓN:
O ano pasado, 2022, cumpríase o décimo cabodano do falecemento de Kristina Berg, viúva de Carlos Casares e primeira presidenta da fundación que vela pola súa memoria. Contra o final do ano, o Concello de Catoira decidiu dar o nome de Kristina Berg á sala de exposicións temporais do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste, o CACTO. E non vemos outro espazo mellor que este, onde Galicia conecta con Escandinavia, para recibir a primeira exposición que se fai sobre ela.
As vinte fotografías que se expoñen son unha primeira achega á súa figura, e en absoluto esgotan o proxecto en marcha de crear unha gran exposición sobre a vida de Kristina Berg Casares. Ao contrario, non pasan de ser o seu primeiro chanzo. A maior parte das fotografías que o visitante ten diante foron tomadas por Carlos Casares, polos seus fillos, e polos familiares de Kristina Berg. Outras, por fotógrafos profesionais ou amadores anónimos, e pretenden ser un tributo a unha moza viquinga que dedicou a Galicia dous terzos da súa vida.